Axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

Venres, 2 de marzo de 2012. - O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 27 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan para o ano 2012 as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

Estas axudas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva por un importe de 2.396.650 euros. Deste total, 1.276.650 euros impútanse aos orzamentos deste ano e os 1.120.000 euros restantes ao vindeiro exercicio, para o financiamento das axudas que pola súa duración xeren dereitos económicos das beneficiarias durante 2013.

A contía das axudas, que poden percibirse por un periodo máximo de 12 mensualidades, pode oscilar entre os 300 e os 800 euros mensuais, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Estado de tramitación: 
Resolta