Axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia fai publica a resolución do 26 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, que ten por obxecto establecer as bases que rexerán a concesión de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, baixo o réxime de non concorrencia e tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Obxecto

A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, condicións que lles posibiliten dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Beneficiarias

  • Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia.
  • Residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
  • Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou seren estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor.

Nota: non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibisen esta axuda con anterioridade.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 1 de abril e rematará o 31 de outubro de 2010.

A solicitude da axuda presentarase segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinado pola solicitante.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade e presentaranse a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Observacións

En caso de dúbida ou necesidade de máis información relativa á solicitude ou á súa tramitación poderán obter máis información na documentación anexa ou ben dirixirse á Secretaría Xeral da Igualdade a través do enderezo de correo electrónico igualdade@xunta.es ou do teléfono 900 400 273.

Estado de tramitación: 
Resolta