Axudas para a realización de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

Martes, 24 de maio de 2011. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do 19 de maio de 2011, da Secretaria Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases e se convocan axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Estas axudas están destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnos/as legalmente constituídas, dos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial, que teñan como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, durante o período comprendido entre o 1 de setembro de 2011 e o 30 de xuño de 2012.

O outorgamento das axudas ás que se refire esta convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiarias.

Accións subvencionables

Poderá ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a organización e realización de programas de actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial. O programa proposto deberá desenvolverse de luns a venres e fóra do horario lectivo. En caso de non acadar esta periodicidade será necesario acreditar a realización doutras actividades que cubran as necesidades de conciliación nos días correspondentes.

Cada unha das actividades que formen parte do programa deberá cumprir os seguintes requisitos:

  • Deberá dirixirse obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos cales polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido.
  • A súa oferta deberá iniciarse como data límite o 3 de outubro de 2011 e rematar coincidindo coa finalización do período lectivo do curso escolar 2011-2012.
  • Desenvolverase nas dependencias do centro, entre un mínimo dunha hora e un máximo de dúas horas diarias.
  • Deberá fomentar o desenvolvemento integral das persoas e a igualdade entre os xéneros feminino e masculino e establecer expresamente como se atenden as necesidades das nenas e nenos con discapacidade.
  • Centrarase, fundamentalmente, en aspectos lúdicos, artísticos, culturais (teatro, danza, música, pintura, idiomas, etc.), tecnolóxicos e deportivos.

Queda expresamente excluído desta convocatoria a prestación do servizo de comedor.

Prazo de presentación das solicitudes:  25/05/2011 - 24/06/2011 

Estado de tramitación: 
Resolta