O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria do Servizo Galego de Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades locais para apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM) para o ano 2010, dotada con 3.245.000 euros, 333.300 euros más que no ano anterior.
A convocatoria está dirixida aos 77 concellos galegos que son titulares de centros de información ás mulleres, acreditados conforme ao disposto no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, que teñen a finalidade de garantir a prestación dun servizo de atención ás mulleres que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico, información sobre os recursos específicos existentes, así como o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas á empregabilidade feminina e calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.
O crédito destinado a estas axudas para o ano 2010 é de 3.245.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 80%, o que supón 333.300 euros más que no ano 2009.
Este ano a convocatoria ten importantes novidades, entre as que cómpre sinalar a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida, sen constitución de garantías, co fin de que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nunha situación financieira delicada e reciben maior demanda de servizos.
Tamén incorpóranse novos perfís profesionais -animación sociocultural e axentes de igualdade- cuxa contratación pode ser obxecto de subvención, co obxectivo de poder ofrecer unha atención máis diversificada á poboación destinataria, fundamentalmente a través da programación e realización de accións que incentiven a participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social.
Outra das novidades é que, ademais das axudas económicas para o mantemento dos centros de información ás mulleres, a convocatoria recolle unha liña de actuación específica dirixida á realización de proxectos formativos para mulleres. O crédito destinado a esta liña son 245.000 euros, podendo acadar a subvención o 100% do custo da acción sen superar o custo de 12.000 euros por proxecto formativo. Deste xeito, trátase de promover a realización por parte dos centros de información as mulleres, de programas formativos deseñados en función das demandas das mulleres do contorno que atenden, e poder ofrecer así unha formación máis axeitada ás súas necesidades, favorecendo a coordinación integral de todos os servizos que presta un centro de información ás mulleres.
Ante as dificultades económicas postas de manifesto polos concellos para poder manter, nestes momentos de crise económica, os seus servizos de atención a cidadanía, e concretamente o de información e asesoramento as mulleres, desde a área de Igualdade, decidiuse incrementar de 4.000 a 14.000 euros o tope específico da subvención para os custos directamente vinculados á contratación eventual de profesionais para os casos nos que as funcións de asesoramento xurídico e/ou psicolóxico se presten por servizos externos. Desta forma, os concellos poderán recibir contías similares a anos anteriores, e garantir así o mantemento do servizo de atención as mulleres.