Santiago, 2 xullo de 2013. Resolución do 21 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2013, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
c) Liña 3: promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.
d) Liña 4: promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.