Santiago, 30 de maio de 2011. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade de axudas económicas a favor das asociacións de mulleres en Galicia, coa finalidade de promover a igualdade e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, que en 2011 contan cun orzamento de 200.000 euros.
A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular, e ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades. Por iso, pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, que este año teñen como novidade que hai dúas liñas de actuación.
Unha primeira liña dirixida á consolidación do movemento asociativo, polo que se concederán axudas para a compensación dos gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións. A segunda liña de actuación está destinada a promoción de hábitos de vida saudables, polo que as axudas serán para compensar os gastos correntes e/ou de persoal das actividades realizadas con esta finalidade.
A presente convocatoria ten un orzamento de 200.000 euros e a contía de cada axuda determinarase sobre a base de puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos. Cada asociación ou federación só poderá solicitar axudas para unha das dúas liñas de actuación.
Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta, entre outros criterios, as actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade; a participación en actividades formativas organizadas polas administracións públicas no ámbito da igualdade; que teñan domicilio social en municipios pequenos, así como que sexan asociacións de nova ou recente creación.
As entidades que desexen solicitar estas axudas, poderán facelo ata o 1 de xullo nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución, que pode encontrarse nesta mesma páxina web.
A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, se transcorrido o dito prazo non se notificaran as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas.