Axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución do 14 de xullo de 2009, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e se procede á súa convocatoria.

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2009, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar o empoderamento e a participación social das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

  • Liña 1: destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
  • Liña 2: destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados á promoción e á formación de mulleres.

As axudas poderán ser solicitadas polas asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de actuación da muller.

Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:
Promover a igualdade entre homes e mulleres.

Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Solicitudes, documentación e prazo:
As entidades que desexen solicitar as axudas reguladas nesta resolución deberán dirixir a súa solicitude á Secretaría Xeral da Igualdade, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución.

As solicitudes xunto coa documentación requirida deberán presentarse na oficina de rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano, mediante instancia normalizada debidamente cuberta, ben directamente ou ben a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes remata o luns 17 de agosto.

Estado de tramitación: 
Resolta