Axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade, ano 2013

O DOG publica hoxe a resolución do 24 de maio de 2013 da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras que rexirán as axudas e subvencións a Entidades Locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e procédese á súa convocatoria para o ano 2013.

A convocatoria prioriza as solicitudes presentadas conxuntamente e contempla a concesión de anticipos de ata o 60% da subvención concedida. Engloba a promoción da igualdade entre homes e mulleres, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres.

A convocatoria engloba tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

Ademais, coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se priorizarán as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Este ano tamén se terá en conta na convocatoria aqueles concellos galegos que estean adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero.

Así mesmo, as bases reguladoras contemplan a concesión de anticipos de ata o 60 por cento das axudas concedidas, contribuíndo a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nunha situación financeira delicada e reciben maior demanda de servizos.

O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades; a liña de prevención e tratamento da violencia de xénero, a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 15.000 euros se é unha solicitude conxunta.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 18.000 euros nas conxuntas.

Por último, o programa dedicado aos CIMs, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, e ata 70.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Estado de tramitación: 
Resolta
Colectivo: