Venres, 4 de novembro de 2011. - O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución do 2 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 8 de marzo de 2011 pola que se regulan as bases e se convocan as axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Venres, 11 de marzo de 2011. Resolución do 8 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas establecidas no artigo 27º da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43º da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Mediante esta resolución convócanse dous tipos de axudas:
- Axudas tipo 1: axuda económica de pagamento único para mulleres vítimas de violencia de xénero que, residindo na Comunidade Autónoma de Galicia, acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.
- Axudas tipo 2: indemnizacións, de pagamento único, a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e das persoas dependentes económica ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero que teñan dereito á percepción da indemnización, exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacela e, como consecuencia, se produza unha situación de precariedade económica.
Beneficiarias
- Axudas tipo 1: mulleres vítimas de violencia de xénero.
- Axudas tipo 2:
- As mulleres que sufran violencia de xéneroAs persoas menores de idade que dependan dunha muller que sufra violencia de xénero
- As persoas maiores de idade que dependan economicamente dunha muller que sufra violencia de xénero.
- As persoas dependentes baixo o coidado dunha muller que sufra violencia de xénero.
Requisitos
- Axudas tipo 1:
- Ser vítima de violencia de xénero
- Estar empadroada e ter residencia en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Ter especiais dificultades para obter un emprego
- Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 por cento do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
- Axudas tipo 2:
- Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento.
- Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2011 no caso da axuda establecida no artigo 27º da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2011 para a indemnización recollida no artigo 43º da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.