Axudas dirixidas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento de programas experimentais e innovadores en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero

O DOG publicou o 10 de xuño de 2009 a resolución do 5 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan axudas dirixidas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento de programas experimentais e innovadores en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.



Obxecto:
O obxecto desta resolución é a regulación das bases que rexen as axudas para a realización de programas experimentais e innovadores contra a violencia de xénero, desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 14º, e a súa convocatoria para o ano 2009.

Para os efectos desatas axudas considerarase programa experimental ou innovador contra a violencia de xénero aquel que teña por obxecto o desenvolvemento de actuacións que combinen accións e medidas de diversa natureza, que afonden en novos modelos e/ou metodoloxías de intervención no ámbito da violencia contra as mulleres e que representen algún valor engadido respecto das prácticas habituais.

Entidades beneficiarias:
Poderán solicitar as axudas reguladas nesta resolución concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas que cumpran os requisitos fixados nesta convocatoria e os establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación poderán solicitar as axudas que regula esta resolución, sempre que cumpran os requisitos fixados nesta convocatoria e os establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste suposto todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da axuda.

Orzamento e contías:

Para a concesión das axudas previstas nesta resolución destínase un crédito total de 200.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.30.313D.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, dos cales 100.000 euros se destinarán a financiar programas que afecten entidades locais cunha poboación maior ou igual a 25.000 habitantes e 100.000 euros destinaranse a financiar programas que afecten entidades locais cunha poboación inferior a 25.000 habitantes.

A contía das axudas determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 9º, e non poderá exceder de 20.000 euros por cada entidade beneficiaria.

Solicitudes, prazo de presentación e documentación:
As solicitudes presentaranse segundo o modelo que se publica como anexo I e dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Secretaría Xeral da Igualdade; poderanse presentar na oficina de rexistro único e información do complexo administrativo de San Caetano, nas delegacións territoriais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Observacións:
En caso de dúbida ou necesidade de máis información relativa á solicitude ou á súa tramitación pode obterse máis información na Secretaría Xeral da Igualdade a través do número de fax 981 957 690 ou do enderezo de correo electrónico igualdade@xunta.es

Estado de tramitación: 
Resolta
Colectivo: