Axudas á conciliación da vida familiar e laboral para os traballadores que se acollan á redución de xornada de traballo

O Diario Oficial de Galicia fai publica a resolución do 23 de abril de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de agosto de 2010.

Actuacións subvencionables

As axudas, na modalidade de pagamento único, serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de setembro de 2009 e ata o 31 de agosto de 2010, se atopen ou atopasen no momento da solicitude nunha situación de redución da xornada de traballo de ata un máximo da metade da duración daquela para o coidado dun/dunha fillo/a menor de 3 anos, ou ben, mesmo superando esa idade, que o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33% e sexa menor de 12 anos.

No suposto de fillos/as adoptados/as, non se terá en conta a data de nacemento, pero para ter dereito á axuda non deberán transcorrer máis de tres anos desde a data da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción para os efectos do estipulado no punto 1 deste artigo. En calquera caso, o/a fillo/a polo/a que se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

O tempo máximo polo que se poderá conceder a axuda á redución de xornada para fomento da corresponsabilidade será de oito meses ininterrompidos e o tempo mínimo de duración da redución de xornada deberá ser de 60 días naturais ininterrompidos.

Persoas beneficiarias

  • Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta resolución:
  • Homes traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social, que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 2 desta resolución.
  • Familias monoparentais en que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se alude no artigo 2 desta resolución.

En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.

Requisitos

Para poder acollerse ás axudas previstas nesta resolución deberán cumprirse os seguintes requisitos:

  • As persoas que desexen solicitar a axuda económica regulada nesta resolución deberán estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación á presentación da solicitude de subvención.
  • No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado.
  • Que na data da solicitude o/a fillo/a conviva coa persoa solicitante.
  • Que o período solicitado non coincida co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

Contía das axudas

A contía desta axuda concederase a través dun pagamento único e estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de oito meses. Deste xeito, as contías son as seguintes:
1. Cando a redución de xornada sexa de ata o 15% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito meses:

  • 2.400 euros se é o/a primeiro/a fillo/a.
  • 2.700 euros se é o/a segundo/a fillo/a ou se son xemelgos/as.
  • 3.000 euros se é o/a terceiro/a fillo/a ou se son trixemelgos/as.
2. Cando a redución de xornada sexa superior ao 15% e ata o 33,33% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito meses:
  • 2.700 euros se é o/a primeiro/a fillo/a.
  • 3.000 euros se é o/a segundo/a fillo/a ou se son xemelgos/as.
  • 3.300 euros se é o/a terceiro/a fillo/a ou se son trixemelgos/as.
3. Cando a redución de xornada sexa superior ao 33,33% e ata o 50% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito meses:
  • 3.000 euros se é o/a primeiro/a fillo/a.
  • 3.300 euros se é o/a segundo/a fillo/a ou se son xemelgos/as.
  • 3.600 euros se é o/a terceiro/a fillo/a ou se son trixemelgos/as.
As contías citadas nas liñas anteriores son as máximas aplicables aos casos en que a redución de xornada corresponda a unha persoa contratada a xornada completa. Cando a persoa que solicita a redución estivese contratada para unha xornada laboral de duración inferior, as contías das axudas diminuirán proporcionalmente.
 
Do mesmo xeito, cando a redución de xornada non se solicite polo período máximo de oito meses, as contías antes citadas reduciranse proporcionalmente.
 
Para o cálculo da contía da axuda teranse en conta unicamente os/as fillos/as menores de 12 anos, agás no caso do/da fillo/a polo/a cal se solicita a redución de xornada, que se terá en conta o establecido no artigo 2.
 

Prazo de presentación

As solicitudes de axuda á redución de xornada poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de agosto de 2010.
Estado de tramitación: 
Resolta
Colectivo: