A Xunta traballa para reforzar o acompañamento ás vítimas da trata en colaboración co terceiro sector

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe en Lugo as X Xornadas da Rede Galega contra a Trata Sexual

Galicia recoñece a trata como violencia de xénero, o que da acceso ás vítimas a axudas económicas e recursos de apoio psicolóxico, xurídico, social e laboral

Multimedia

A Xunta traballa para reforzar o acompañamento ás vítimas da trata en colaboración co terceiro sector
Lugo, 21 de outubro de 2021.-
 
Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade, puxo en valor hoxe, na clausura das X Xornadas da Rede Galega contra a Trata Sexual en Lugo, o compromiso da Xunta na atención, apoio e información ás vítimas e na colaboración co Terceiro Sector na prevención e axuda ás mulleres afectadas por esta lacra.
 
A comunidade galega recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero, polo que as súas vítimas poden acceder a axudas económicas re aos recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e de inserción laboral. O I Plan galego contra a trata e a explotación sexual, no que está a traballar a Xunta, reforzará as medidas de apoio, atención, acompañamento e asesoramento integral ás vítimas e a rede de acollida para mulleres que denuncien a coacción e a violencia das que son obxecto, manifestou a secretaria xeral.
 
López Abella lembrou que a situación xerada pola covid-19 aumentou a situación de especial vulnerabilidade para as vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral polo que “o Goberno galego reforzou todos os dispositivos no ámbito da intervención social en estreita colaboración cas ONGs que conforman a Rede Galega contra a Trata”. No mesmo marco, a Xunta asinou este ano nove convenios con elas (63.000 euros en total, 40% máis que en 2020) con axudas directas de emerxencia para 200 mulleres vítimas.
 
Ademais en Galicia desde 2012 ofrécense apoios a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a atención social integral a mulleres vulnerables. Este ano destináronse 1,4 millóns de euros para proxectos de 61 organizacións.
 
López Abella recordou que Galicia leva anos urxindo unha lei orgánica integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Segundo expresou “debe incidir na prevención, na persecución de oficio do delito, promover a eliminación de publicidade de contido sexual e activar programas de protección social e recuperación integral das vítimas”.
 
A secretaria xeral da Igualdade avogou pola colaboración e a coordinación institucional e co Terceiro Sector, así como con outras comunidades autónomas a través do proxecto Rede por unha vida libre de violencia para as mulleres en contextos de prostitución e para a eliminación da trata e a explotación sexual infantil e adolescente.