A Xunta traballa no deseño do Estatuto da Muller Rural e do Mar para garantir a defensa dos dereitos deste colectivo e promover o seu asociacionismo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou hoxe no Parlamento de Galicia, na comisión 8ª, que o Estatuto será integrado na nova Lei autonómica de igualdade para darlle rango de norma superior e un maior amparo legal

Apuntou que Galicia co novo texto lexislativo seguirá á vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida

Incidiu en que o VIII Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, aprobado en maio, dará relevancia á igualdade no mar

Destacou o apoio do Goberno galego ao colectivo das redeiras e puxo en valor o estudo de saúde laboral dirixido a estas traballadoras que se vai elaborar para seguir a súa evolución por danos adquiridos na súa actividade laboral

Multimedia

A Xunta traballa no deseño do Estatuto da Muller Rural e do Mar para garantir a defensa dos dereitos deste colectivo e promover o seu asociacionismo
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.- 
 

A Xunta traballa na actualidade no no desenvolvemento do Estatuto da Muller Rural e do Mar en Galicia que, segundo explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, en comisión parlamentaria, será integrado na nova Lei autonómica de igualdade “para darlle ese rango de norma superior e un maior amparo legal” ao colectivo.

Na comisión oitava, de Pesca e Marisqueo, López Abella, ademais de asegurar que a Xunta creará un observatorio de igualdade no sector pesqueiro, detallou que o Estatuto incidirá na participación da muller do mar nos plans de desenvolvemento do seu ámbito e no fomento do asociacionismo. “Co Estatuto das mulleres rurais e do mar defenderase o compromiso de atender ás súas necesidades nas políticas de emprego autonómicas e incluiranse dereitos e medidas para o fomento do seu asociacionismo”, subliñou.

A nova Lei de Igualdade, que está en tramitación, sumarase á Lei específica para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de Galicia, polo que, en palabras de López Abella, “Galicia seguirá a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida, contribuíndo a visibilizar as novas desigualdades e avanzando para erradicalas”.

A secretaria xeral incidiu no compromiso do Goberno da Xunta para a mellora da situación laboral das mulleres, poñendo como exemplo a aprobación o pasado mes de maio do VIII Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, dotado con 935,5 millóns de euros, “o maior orzamento da historia” para loitar contra as discriminacións e reforzar as políticas autonómicas de igualdade.

O Plan, en concordancia tamén coa futura Lei galega de igualdade, conta con nove ámbitos de actuación e 128 liñas de acción a través das que se dará máis relevancia á igualdade no mar, onde están afiliadas máis de 4.700 mulleres galegas (datos do mes de agosto).

As redeiras

López Abella, así mesmo, lembrou que en materia laboral o Goberno galego asinou nos últimos meses convenios de colaboración con nove sectores produtivos, entre os que se atopa a Federación Galega de Redeiras Artesás, para formar a persoas traballadoras ocupadas ou sen emprego.

Tamén en relación co colectivo das redeiras, expuxo que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén unha estreita colaboración coa Federación Redeiras Artesás O Peirao, a través de diferentes liñas como son as axudas a entidades de iniciativa social para programas para mulleres, que inclúen asesoramento e información para as mulleres redeiras. Así mesmo, indicou que desde 2019 asínanse convenios de colaboración para o desenvolvemento de accións de sensibilización contra a violencia de xénero con esta federación e sinalou que está previsto desenvolver este ano un estudo de carácter pioneiro sobre a profesionalidade deste colectivo para facer máis atractiva a profesión e en aras dunha maior profesionalización e relevo xeracional.

A Xunta, tamén, aposta desde o ano 2012 polo procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral das redeiras, sendo Galicia unha das primeiras comunidades autónomas que puxo en marcha o mesmo. A secretaria xeral tamén destacou o estudo de saúde laboral dirixido ás redeiras que se vai elaborar para seguir a súa evolución por danos adquiridos na súa actividade laboral, con recoñecementos médicos específicos e individuais e, posteriormente, un estudo colectivo.

Para rematar, apuntou que o Goberno galego quere contribuír con todas estas actuacións á defensa dos dereitos e á visibilización das mulleres que sofren discriminación e lembrou que a futura Lei de igualdade introducirá ademais a idea do benestar laboral nas empresas, vencellada coas políticas de conciliación, substitución por maternidade, prevención de riscos laborais, teletraballo e responsabilidade social empresarial (RSE).