- Galego
- Castellano
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia solicitou ao Concello de Santiago de Compostela unha cesión parcial do edificio da antiga casa de acollida, para a creación do Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.
En rolda de prensa, Marta González indicou que ante o reiterado incumprimento por parte do Concello de desaloxar totalmente o edificio, este goberno non está disposto a entrar no marasmo de papeis no que se enzarzaron, durante tres anos, a antiga vicepresidencia do goberno bipartito e o concello de Santiago sobre a cesión do edificio, xa que a única prioridade é a pronta posta en marcha do centro para a mellora da atención das mulleres.
Por iso, indicou a secretaria xeral da Igualdade, para non repetir a lamentable situación dos anos anteriores, establecendo un círculo vicioso de carácter burocrático e de acusacións mutuas co concello de Santiago, o pasado 27 de novembro a Consellería de Facenda solicitou ao Concello de Santiago a cesión da parte desocupada do inmoble para o mesmo fin pretendido nun primeiro momento, a creación do Centro de Recuperación Integral de Mulleres.
Agora, o Concello ten que adoptar un novo acordo outorgando unha concesión a favor da Comunidade Autónoma, da parte do edificio que está baleiro. Dito acordo require, unha vez recibido na Consellería de Facenda, decreto de aceptación do Consello da Xunta, que podería adoptarse nun prazo máximo de dúas semanas dende o momento da comunicación do acordo do concello. Posteriormente, publicaríase o decreto no DOG e formalizaríase o contrato en documento administrativo.
A partir de aí poden comezar as obras de rehabilitación e reforma do edificio para a apertura do centro. Nos orzamentos da Xunta para 2010 existen varias partidas para a rehabilitación e posta en marcha do centro, que conxuntamente suman un total de 450.000 euros.
A historia
Para contextualizar esta situación, a secretaria xeral da Igualdade, explicou como foi o proceso do inmoble da antiga casa de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero de Santiago, e que foi o elixido pola vicepresidencia do goberno bipartito da Xunta para instalar o Centro de Recuperación Integral das Vítimas de Violencia de Xénero.
O círculo vicioso de acusacións mutuas entre o concello e a vicepresidencia da Xunta, na que as únicas afectadas foron as mulleres que non foron atendidas mentres as administracións se entretiveron nunha continuada correspondencia, comezou en 2006. Nesa data o concello de Santiago quería pechar a súa casa de acollida, algo que xa levaba intentando desde 2003, e a antiga vicepresidencia quería dispor de edificios para a xestión de centros sociais, incluído o proxecto deste centro.
Comezan as conversas para que o antigo edificio da casa de acollida sexa a sede do centro de recuperación integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, que recibe posteriormente definición legal en 2007, na lei 11 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, na que se establece a creación do " centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, que desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico".
Durante todo este tempo, desde 2006 ata 2009, ata a chegada do goberno actual á Xunta, o concello e a vicepresidencia do goberno bipartito enzárzaranse nun marasmo de papeis sobre a cesión do edificio que "desgraciadamente herdamos nós, sen visos de solución, cando chegamos ao goberno", explicou Marta González.
Os dous anos enteiros de papelexo, débense ao repetido incumprimento do concello de Santiago dunha das condicións fundamentais par que o centro se poda crear, que é que o edificio estea baleiro, é dicir, libre de cargas, para que a Xunta o poda asumir como propio e comezar as obras.
Xa neste ano 2009, coa nova estrutura do goberno, desde a Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Presidencia da Xunta, retómanse os contactos co concello de Santiago, que se compromete en dúas ocasións diferentes, en verán e a principios de outubro, a deixar libre o edificio de xeito inmediato, pero incumpre ambas as dúas veces este compromiso. Estableceuse coa Xunta de Galicia a data do 15 de outubro para que o edificio quedase libre. A data de hoxe, 22 de decembro, a asociación que ocupa unha ala anexa continúa ocupando unha parte das instalacións.
Nesta situación, e tendo en conta que a única prioridade da Xunta de Galicia é a pronta posta en marcha do centro para a mellora da atención das mulleres, e que este goberno non ten a más mínima intención de repetir a lamentable situación dos anos anteriores, optouse por solicitar ao concello un acordo de cesión parcial do edificio. Agora, é o concello o que ten que remitilo á Xunta, que se compromete a tratar este asunto con máxima celeridade.
O Centro de Recuperación Integral
A lei 11/2007, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero contempla, no seu artigo número 49, a creación do Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, que, según o texto legal, "desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico".
Este centro vería a completar un sistema legal de protección e asistencia fronte a violencia de xénero, que xa conta con outros instrumentos como a Rede Galega de Acollemento, o servizo de atención 24 horas, o Punto de Coordinación das ordes de protección, puntos de encontro familiar e os Centros de Información as Mulleres.
Este proxecto de intervención para o tratamento integral da violencia de xénero significa que deben existir servizos en todas as fases do proceso (detención, emerxencia, acollemento, atención, recuperación e reinserción) e que cubran todas as área vitais (psicolóxica, educativa, xurídica, laboral e social).
Este centro quere converterse nun referente dentro dun sistema preparado para responder de inmediato, atendendo ás causas de violencia, valorando os factores de risco, atendendo ó momento vital da vítima do maltrato, instaurando intervencións de diferente intensidade e modalidade, e promovendo os cambios sen esperar á demanda.
A súas áreas de intervención serán: a atención psicolóxica, individualizada e axustada ás necesidades que presente cada usuaria en cada momento; a área xurídica, asesoramento e acompañamento dos trámites precisos; e a intervención social e laboral, dirixida á reinserción laboral, procura de recursos económicos, de vivenda, conciliación, etc..