A Xunta salienta que a formación en igualdade desde idades temperás favorece unha sociedade máis xusta e inclusiva

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller

Destacou a necesidade de seguir traballando “sen dar un paso atrás” na loita pola igualdade real e o “firme compromiso” da Xunta coa sociedade galega en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres

Sinalou que o enfoque de xénero é un dos piares fundamentais das políticas do Goberno galego para acabar coas discriminacións

Multimedia

Autoría: USC

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto da Universidade de Santiago (USC) con motivo do Día Internacional da Muller. Na súa intervención, salientou a importancia de formar en igualdade desde idades temperás para seguir avanzando cara unha sociedade máis xusta e inclusiva e destacou a necesidade de seguir traballando “sen dar un paso atrás” na loita pola igualdade real.

López Abella explicou que o enfoque de xénero é un dos piares fundamentais que guía as políticas e accións do Goberno galego para acabar coas discriminacións. “Confiamos en seguir camiñando xuntos, con todas as galegas e galegos, para acadar unha sociedade igualitaria e sen discriminacións de ningún tipo porque sen mulleres non hai Galicia”, engadiu.

A secretaria xeral da Igualdade apuntou que é preciso rematar coa fenda salarial e a discriminación da muller no mundo laboral, racionalizar horarios e fomentar o teletraballo para mellorar a conciliación e acadar un reparto equilibrado das tarefas domésticas aumentando a corresponsabilidade dos homes no fogar, incrementar a presenza das mulleres en postos directivos e de toma de decisións rompendo os teitos de cristal, así como incentivar o emprendemento feminino e o empoderamento de mulleres e nenas.

Neste senso, afirmou que hai que seguir incidindo en medidas que xa está desenvolvendo a Xunta como é o Plan autonómico de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 ou o Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020. Os dous son instrumentos que permiten ao Goberno galego articular as políticas públicas necesarias para reforzar as medidas dirixidas á eliminación das distintas brechas de xénero e sentar os cementos para conseguir novos avances en materia de igualdade.