- Galego
- Castellano
Galicia e Portugal xa están traballando, xunto con Castela e León, nun proxecto europeo destinado ao traballo dos homes pola igualdade, e as tres van candidatarse a un proxecto de dinamización dos Centros de Información as Mulleres. Un dos programas nos que se está a traballar quere crear unha rede estable de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal, a través da creación de Centros de Información as Mulleres que presten servizos, formación e orientación aos colectivos raianos, baixo a fórmula de utilización compartida de equipamentos entre Galicia e Portugal.
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2011. A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a Comissão para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal están traballando xuntas en tres proxectos europeos, un deles xa está aprobado e os outros dous están sendo elaborados para candidatarse aos programas europeos de cooperación transfronteiriza.
O proxecto, que xa está en vigor, chámase "Eles Tamén" e nel participan, ademais do goberno galego e do portugués, a Consejería de Familia e Igualdade de Oportunidades, dirección General de la Mujer, da Junta de Castela e León.
Este proxecto ten como obxectivos principais a promoción de redes de intercambio de información, experiencias, resultados e boas prácticas en materia de conciliación e corresponsabilidade dende o ámbito de actuación das asociacións de homes pola igualdade, así como a creación de plataformas de experimentación para o desenvolvemento conxunto de servizos, metodoloxías, ferramentas e produtos que fomenten o aprendizaxe mutuo de novos enfoques e novos modelos de xestión.
Entre as propostas de actuación para este ano 2010 está a análise no marco da Unión Europea a obtención da adopción do permiso de paternidade con carácter voluntario ou obrigatorio e realizar un plan formativo integral nas escolas, traballando nun núcleo que englobe 5 ou 6 escolas en Galicia, Castela e León, Aragón, Xerez e Portugal.
A cooperación entre a Secretaría Xeral de Igualdade con Portugal e Castela e León está sendo tan positiva que para este ano os tres organismos van a candidatarse ao eixo 4 do Fondo Social Europeo co "Proxecto Dinamizador dos Centros de Información as Mulleres".
Este é un proxecto de dinamización dos Centros de Información as Mulleres no que se quere crear unha rede de intercooperación no ámbito da materia de igualdade de xénero.
Os obxectivos deste proxecto son promocionar as redes de intercambio de información, experiencias, resultados e boas prácticas dos centros de información ás mulleres dos territorios participantes. Outro deles é crear plataformas de experimentación para o desenvolvemento conxunto de servizos, metodoloxías, ferramentas e produtos que fomenten a aprendizaxe mutua de novos enfoques e modelos de xestión, así como a elaboración de material e actividades conxuntas para dinamizar os CIMS.
A outra das candidaturas que a Secretaría Xeral da Igualdade e a Comissão para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal realizan xuntas é ao programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).
O obxectivo deste proxecto é promover e mellorar a eficacia de redes estables de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal, a través da creación de Centros de Información as Mulleres que presten servizos, formación e orientación aos colectivos raianos, baixo a fórmula de utilización compartida de equipamentos.
Ademais de mellorar as políticas públicas para a erradicación da violencia de xénero a partir da posta en común de recursos e know how transfronteirizos, e potencias a participación das mulleres a ámbolos dous lados da fronteira galaico portuguesa.
Neste sentido, quérense abrir centros compartidos e crear unha rede na que exista a figura "dinamizadora" de ditos centros. Ademais a formación do persoal que traballe neles, tamén será transfronteiriza, así como as campañas de comunicación, difusión e a páxina web.
Para dinamizar todos estes proxectos, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a presidenta da Comissão para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal, Sara Casaco, reuníronse esta semana en Porto, para perfilar as liñas de actuación.
Ambas as dúas responsables celebraron que se retomase a colaboración en materia de igualdade entre os dous países fronteirizos, que se perdera nos últimos anos, xa que é "unha boa maneira de optimizar recursos e traballar en conxunto sobre problemas comúns".