A Xunta reforza a súa colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para garantir unha atención integral ás vítimas de violencia de xénero

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia con 20.000€ as medidas que a entidade mantén para ofrecer unha atención adaptada ás necesidades das mulleres xordas e xordo-cegas

O Goberno galego garante apoio psicolóxico, e interpretación de lingua de signos ás vítimas con discapacidade auditiva desde o momento en que presentan a denuncia

Multimedia

A Xunta reforza a súa colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para garantir unha atención integral ás vítimas de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2022.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co fin de continuar coas medidas para ofrecer unha atención integral ás mulleres xordas e xordo-cegas que sofren violencia de xénero.

A Xunta pon á súa disposición apoio psicolóxico e un servizo de intérpretes de lingua de signos desde o momento en que presentan a denuncia co fin de lles garantir unha atención singular ao tempo que se lles facilita o acceso aos recursos e servizos nas situacións de violencia de xénero ante as cales se mostran máis vulnerables polas barreiras comunicativas que poden padecer.

Ademais, o convenio inclúe a organización de cursos e obradoiros para a formación específica en materia de violencia de xénero dos profesionais e futuros profesionais de atención especializada da entidade. Tamén se contempla a organización de xornadas e talleres para persoas xordas co fin de sensibilizar e previr situacións de violencia de xénero, así como a realización de traballos para elaborar e adaptar materiais específicos para a sensibilización e prevención de situacións de violencia.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) recibe 20.000€ para levar a acabo estas accións, que se suman as contías percibidas desde 2019 no marco do Pacto de Estado da Violencia de Xénero e cuxo total xa ascende a 100.000€ en catro anos.