A Xunta reforza o apoio xudicial ás vítimas da violencia de xénero con formación para letrados, garda psicolóxica e social e intérpretes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, remarcou hoxe en sede parlamentaria o esforzo que a Xunta realiza, no marco das súas competencias, para garantir os apoios necesarios para as mulleres durante os procedementos xudiciais

O Goberno galego personouse entre 2013 e 2020 en 19 procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero

Unhas 90 mulleres e 150 profesionais beneficiaranse este ano do reforzo da asistencia xurídica a vítimas antes e durante o procedemento e da formación especializada

Estímase que cerca de 100 mulleres sexan atendidas pola quenda de garda psicolóxica

Multimedia

A Xunta reforza o apoio xudicial ás vítimas da violencia de xénero con formación para letrados, garda psicolóxica e social e intérpretes

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, valorizou hoxe en Comisión no Parlamento de Galicia as medidas activadas pola Xunta de Galicia para reforzar o apoio xudicial ás mulleres vítimas da violencia de xénero, que abranguen desde quendas de garda psicolóxica, servizos de asesoramento e apoio ás persoas letradas na súa especialización, ata a personación directa como acción popular nos procedementos penais en casos de morte por esta lacra.

Tal e como lembrou a responsable de Igualdade, desde 2013 e ata 2020, a Xunta personouse en 19 casos penais por morte a causa da violencia de xénero, resultando inviable nos outros dez casos por imposibilidade de contactar coa familia das mulleres ou polo suicidio dos agresores.

“O acceso á xustiza das vítimas de violencia de xénero e a protección das mesmas están garantidas polas normas de aplicación”, especificou a secretaria xeral, que quixo facer énfase en que para protección das mulleres, estanse a empregar os recursos necesarios, que teñen por base e financiación o Pacto de Estado na materia. “A violencia de xénero é unha cuestión transversal, que implica a toda a organización da Xunta”, especificou.

Na mesma liña, explicou que este ano un total de 90 mulleres e 150 profesionais beneficiaranse dos apoios previstos, cun investimento de 390.000 euros, para reforzar a asistencia xurídica das mulleres vítimas de violencia de xénero (incluídas as de violencia sexual) no acceso á asistencia xurídica gratuíta antes e durante o procedemento xudicial. Esta medida procede dun convenio asinado entre a Consellería e Emprego e Igualdade e a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, no marco do cal tamén se amplía a formación especializada na materia de avogados e procuradores.

A Xunta mantén activo, por outra banda, unha quenda de garda psicolóxica especializada e permanente que este ano pretende servir a 90 mulleres e os seus fillos e fillas menores en situación de violencia de xénero. Este mecanismo, que forma parte das medidas desenvolvidas na comunidade, grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ten carácter inmediato para as situacións de urxencia e préstase a requirimento das forzas e corpos de seguridade en toda Galicia.

Outra quenda, de garda social, froito do convenio asinado co Colexio de Traballo Social, atenderá as necesidades urxentes dunhas 60 mulleres antes de que remate o ano, en materia de apoio social, atención en crise ou asistencial.

Tal e como lembrou López Abella, a Xunta facilita tamén servizo de intérpretes e apoio a mulleres vítimas con discapacidade auditiva e/ou visual. Grazas a un convenio coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas (FAXPG) contan con axuda desde o momento mesmo de presentación da denuncia. Para 2021 estímase que medio centenar de usuarias resulten beneficiarias da medida.

Na súa intervención, a secretaria xeral lembrou que os 84 Centros de Información á Muller atenderon en 2020 máis de 76.000 consultas, na meirande parte nas áreas de atención psicolóxica e xurídica. Os propios profesionais realizan acompañamento ás vítimas no ámbito xudicial. Ademais a Xunta ven de ampliar as oficinas de atención ás vítimas en sede xudicial existentes na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo aos que se incorporaron sete traballadores sociais máis.

A Xunta complementa o apoio xurídico ás mulleres vítimas coa implantación de dispositivos de alarma (103 en 2020) e os servizos telefónicos 900400273 de atención 24h ás mulleres (3.336 chamadas en 2020) e de atención e protección para vítimas (Atenpro) que en 2020 rexistrou 622 altas na comunidade.

Unidade de actuación

Susana López Abella trasladou á Comisión 1ª do Parlamento de Galicia que o Consejo Estatal Asesor de Asistencia Jurídica Gratuíta, adscrito ao Ministerio de Justicia, aceptou abordar, no marco das súas competencias e a proposta do Goberno galego, o feito de que letrados condenados por violencia de xénero poidan asumir a asistencia xurídica dunha vítima de violencia de xénero, estando pendente de resultados ao respecto.
Incidiu, por outra banda, en que en Galicia “está a observarse a unidade de actuación letrada ás vítimas de violencia de xénero” e que en todo caso, “corresponde aos colexios de avogados instrumentar as medidas necesarias para garantila”, sempre que non afecte ao seu dereito de defensa.