A Xunta reforza a formación de inspectores e axentes sociais para estender o rexistro salarial e os plans de igualdade entre as empresas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe un novo curso sobre igualdade laboral para persoal da Inspección de Traballo de Galicia

O rexistro de salarios entrou en vigor onte polo que a Xunta está a reforzar a cualificación e asesoramento ás empresas por medio do servizo específico de igualdade laboral da Consellería de Emprego e Igualdade

A Xunta convocará unha liña de axudas para que as empresas con menos de 100 traballadores elaboren plans de igualdade de carácter voluntario

  •  A Xunta reforza a formación de inspectores e axentes sociais para estender o rexistro salarial e os plans de igualdade entre as empresas
  •  A Xunta reforza a formación de inspectores e axentes sociais para estender o rexistro salarial e os plans de igualdade entre as empresas

Santiago de Compostela, 15 de abril 2021.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un novo curso de formación dirixido a inspectores de traballo en Galicia co foco posto no novo rexistro retributivo obrigatorio para todas as empresas que conten con asalariados. Mancha manifestou a súa esperanza de que con esta ferramenta se poida avanzar na efectiva igualdade laboral.

A directora xeral amosou o seu convencemento de que a entrada en vigor do rexistro salarial por sexos axude a garantir a igualdade de oportunidades e a efectividade do principio de retribución non diferenciada entre homes e mulleres.

A Comunidade galega ten a competencia para o rexistro público dos plans de igualdade desenvolvidos polas empresas galegas, dentro dos cales se inclúe o rexistro e a auditoría retributiva. Xa levou a cabo un programa de especialización dirixido ao persoal encargado do devandito rexistro, co obxecto de garantir que os plans presentados cumpran coa nova normativa.

Como autoridade laboral, a Xunta está a vixiar o cumprimento da aplicación dos principios de transparencia retributiva e de igual salario por traballo de igual valor. Deste xeito, a Consellería de Emprego e Igualdade está a axudar ás empresas a emprender o camiño cara ao novo marco, poñendo énfase na formación e nos apoios para a adaptación das organizacións á normativa e estender ás organizacións ferramentas como o rexistro de retribucións por sexo.

Tal e como lembrou a directora xeral, na actualidade estase a desenvolver unha ampla axenda formativa dirixida a axentes sociais e organizacións e entidades relacionadas co eido laboral. Como o curso que se celebra de hoxe ata o 20 de abril no que participan 16 persoas. A actividade está estruturada en dous módulos de tres horas cada un sobre as novidades lexislativas e regulamentarias e a negociacións dos plans de igualdade e a igualdade retributiva e o principio de transparencia das mesmas.

O próximo mes de maio impartirase unha cualificación máis especializada e práctica sobre o rexistro retributivo que onte entrou en vigor e no que poderán participar empresas e consultoras en materia de igualdade.

A Xunta, por outra banda, convocará proximamente axudas para a elaboración de plans de igualdade de carácter voluntario en empresas con menos de 100 traballadores. Estes plans inclúen a realización do rexistro e a auditoría retributiva.

O Goberno galego conta nestes momentos cun servizo específico no eido da igualdade laboral que atende consultas sobre plans de igualdade, rexistro e auditoría retributiva.