Este sector conta con 24.393 persoas traballadoras, máis do 67,4% homes e o 32,6% mulleres: a fenda de xénero sitúase en case 35 puntos porcentuais
Un 30% das empresas galegas que desenvolven actividades relacionadas coa tecnoloxía carecen de mulleres nos seus cadros de persoal
As matrículas universitarias femininas en Galicia supoñen o 12% en informática e apenas o 28% en enxeñarías, cando o 55,8% do estudantado son mulleres
A Xunta promoverá a colaboración coas universidades e coa comunidade educativa para encamiñar as vocacións femininas cara a estudos máis técnicos
O pleno foi informado tamén dos avances na tramitación da futura Lei galega de igualdade de mulleres e homes que vén de rematar o período de consulta pública previa
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022.-
Existe o risco de que as mulleres queden fóra dos empregos do futuro, nos que a tecnoloxía será fundamental. Esta é unha das conclusións do informe As mulleres e as TICs, elaborado polo Consello Galego das Mulleres, que constata unha fenda no emprego entre homes e mulleres de case 35 puntos. Ante isto, a Xunta avoga por colaborar coas universidades, con entidades privadas e no seo da comunidade escolar, para encamiñar ás nenas e mozas cara á formación TIC e para promover a iniciativa empresarial tecnolóxica, tamén no medio rural.
O informe, presentado ante o pleno do Consello Galego das Mulleres celebrado hoxe, no que participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo Cabarcos, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, expón que a fenda de xénero no emprego do sector TIC acada case os 35 puntos. En 2020, estas actividades xeraban un total de 24.393 postos de traballo, dos que soamente o 32,6% eran mulleres. A menor presenza laboral feminina por tipo de actividade concéntrase na fabricación de compoñentes electrónicos (10,4%) e na fabricación de ordenadores (12,5%).
Outro dos indicadores que preocupan á Xunta consiste en que un 30% das empresas TIC que operan en Galicia non contan con ningunha muller no seu cadro de persoal e só no 14% dos casos existe presenza de mulleres nos equipos directivos.
Estes datos reflectidos no informe encargado polo Consello Galego das Mulleres, complétanse cos referidos á formación profesional e universitaria en Galicia. Se o 55,8% das matriculacións universitarias na Comunidade corresponderon en 2020 a mulleres, en titulacións máis técnicas a súa presenza baixa; como é o caso de informática, onde apenas acadan o 12%; ou nas enxeñerías, onde copan o 28% do estudantado. Na formación profesional, o 43% das matriculadas son mulleres, pero na familia da informática e a comunicación a porcentaxe baixa ao 15%.
A Xunta quere referendar o seu compromiso e potenciar as vocacións tecnolóxicas entre nenas e mozas e a empregabilidade das mulleres no sector tecnolóxico. O Goberno galego establecerá mecanismos de colaboración coas universidades e axentes de emprendemento para achegar ás estudantes ás carreiras técnicas. Defende a implicación transversal dos responsables da formación profesional, dos equipos de orientación dos centros escolares e dos departamentos centrados no eido rural para mellorar a ampliar a representación feminina no sector e achegar ás mulleres a iniciativas de base tecnolóxica.
Parte dos retos pasan pola necesaria sensibilización da sociedade na diminución da fenda dixital de xénero con iniciativas específicas de divulgación e mesmo no reforzo da formación tecnolóxica para a vida cotiá, como está a facer na actualidade a Xunta co seu programa de capacitación de 10.000 mulleres de contornas rurais cun investimento de máis de 5 millóns de euros.
Na reunión tamén deuse conta dos avances na tramitación do anteproxecto da Lei galega de igualdade. O período de consulta pública previa rematou o pasado luns. Así, continuarase coa tramitación do texto legal co que o Goberno galego busca seguir avanzando na igualdade laboral, actualizar e unificar nunha mesma norma as actuacións e medidas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas, e referendar o compromiso co emprego feminino de calidade.
Coa nova Lei de igualdade, Galicia segue a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida, contribuíndo a visibilizar as novas desigualdades e avanzando para erradicalas.