A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe en Santiago de Compostela un acordo marco co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, para a realización dun congreso que terá lugar en setembro para promover o emprendemento feminino
O obxectivo é visibilizar a contribución das mulleres ao ecosistema laboral galego e defender a necesidade de contar co liderado feminino para facer fronte aos novos retos da economía
A Xunta fomenta a igualdade laboral a través da formación das persoas traballadoras, organizacións empresariais e sindicatos da que se beneficiaron máis de 1.200 persoas entre febreiro e xuño deste ano
O programa Emega permitiu nos últimos doce anos poñer en marcha co financiamento autonómico 900 proxectos empresariais liderados por mulleres que crearon 1.416 postos de emprego feminino en Galicia
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021.-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe en Santiago de Compostela co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, un acordo de colaboración para impulsar o emprendemento feminino como clave na recuperación tras a covid-19. No marco desta iniciativa, que terá unha vixencia de catro anos, celebrarase no mes de setembro un congreso que baixo o título Emprendedoras: Talento empresarial feminino visibilizará a contribución das mulleres ao ecosistema laboral galego e defenderá a necesidade de contar con liderado feminino para facer fronte aos novos retos económicos. Trátase, en palabras de Lorenzana, de promover “o emprego e o talento en clave feminina no camiño da recuperación tras a covid-19”.
A conselleira de Emprego e Igualdade sinalou que para conseguir unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é preciso ir da man de mulleres referentes e de líderes femininos destacadas tanto na actividade pública como na privada. Así no marco do congreso, que terá lugar o día 17 de setembro, diferentes personalidades femininas de Galicia de numerosos sectores económicos e sociais avaliarán as propostas de futuro e os retos que son precisos afrontar para romper o teito de cristal. Entre outras, asistirán como relatores Lupe Murillo, directora xeral de Pescamar; Chelo Domínguez, directora xeral de GKN Driveline; Fuencisla Clemares, directora xeral de Google España e Portugal; ou María Dolores Calvo, presidenta da Adega Condes de Albarei.
Lorenzana destacou que para a Xunta é prioritario loitar pola igualdade laboral e, neste sentido, indicou as actuacións que está a desenvolver o departamento autonómico que dirixe para conseguir este reto. Así, indicou que existe un triplo plan formativo negociado no seo do Diálogo Social para a formación de traballadores e traballadoras e das organizacións empresariais e sindicais en materia de igualdade. Trátase da primeira formación impulsada por unha Administración autonómica dirixida a garantir que os axentes sociais teñan un coñecemento mínimo en materia de igualdade laboral. Este plan, que conta con accións formativas de 8 a 35 horas, beneficiou xa, entre os meses de febreiro e xuño deste ano, a 1.200 persoas.
A Xunta, ademais, puxo en marcha webinarios específicos sobre o rexistro retributivo nas empresas, o teletraballo e a conciliación ou a corresponsabilidade na realidade da empresa, entre outras temáticas. En total, celebráronse 11 webinarios e formáronse entre os meses de marzo e maio un total de 1.333 persoas.
A Consellería de Emprego e Igualdade conta, ademais, con diversas ferramentas que puxo a disposición da cidadanía e do tecido empresarial para avanzar na consecución da igualdade real no ámbito laboral. Así, destacan o portal web da igualdade laboral; a guía para a elaboración do Plan de igualdade na empresa para orientar ás empresas sobre os elementos esenciais no proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan; e a web de autodiagnosis en igualdade laboral, un recurso innovador que permite ás empresas avaliar de maneira periódica o seu nivel de madurez e impacto en relación coa igualdade de xénero.
Lorenzana, así mesmo, fixo referencia ao programa Emega para promover o emprendemento feminino ao que a Xunta destinou nos últimos 12 anos máis de 10 millóns de euros, o que permitiu financiar 900 proxectos empresariais liderados por mulleres que crearon 1.416 postos de emprego feminino en Galicia.
“Seguimos apostando por unir esforzos e sumar recursos, neste caso coa CEG, para dar voz a mulleres emprendedoras e a empresas emerxentes con nome de muller”, apuntou a conselleira. Na súa opinión, é “o camiño correcto” para seguir avanzando, pechando a brecha salarial e mellorar o acceso, as condicións e a promoción da muller na empresa.