A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación desta campaña no concello
Redondela (Pontevedra), 22 de xuño de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Redondela na presentación no concello da campaña de prevención e detección da violencia de xénero nas comunidades veciñais. Durante o acto, a secretaria xeral felicitou ao goberno local pola súa implicación nesta iniciativa, así como polo seu compromiso contra a a violencia de xénero en xeral.
Esta campaña, destinada ás comunidades veciñais, realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado en febreiro entre a Xunta, o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA) e a Asociación española de auditores socio-laborais (CEAL).
O seu obxectivo é seguir implicando a toda a sociedade na loita contra esta lacra, un delito que en numerosas ocasións ocorre na intimidade dos fogares, polo que se precisa da colaboración de todos os axentes, entidades e persoas.
Para conseguir a implicación das comunidades veciñais, o Goberno galego encárgase de distribuír material informativo e de sensibilización -carteis e trípticos- a prol da eliminación da violencia contra as mulleres. Neste material inclúese información sobre as posibles manifestacións da violencia de xénero, así como indicacións sobre que facer e a onde acudir no caso de precisar axuda.