A Xunta presenta un procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero desde o ámbito sanitario

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo que este procedemento será implantado ao longo do vindeiro ano en todos os centros sanitarios da rede do Sergas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou a importancia do protocolo, ao recordar que o sistema sanitario é unha das primeiras portas de entrada e de contacto dunha muller vítima de violencia de xénero cos servizos públicos

  •  A Xunta presenta un procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero desde o ámbito sanitario
  •  A Xunta presenta un procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero desde o ámbito sanitario
  •  A Xunta presenta un procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero desde o ámbito sanitario

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiron hoxe, na Cidade da Cultura, o acto de presentación dun procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero dende o ámbito sanitario. Trátase, dixo o responsable da sanidade pública galega, dun traballo de meses, e, por iso, agradeceu o esforzo e dedicación ao grupo que, baixo a coordinación de María del Mar de la Peña Cristiá, participou na súa elaboración.

Tal e como remarcou o conselleiro de Sanidade, a proximidade e a confianza que xeran os profesionais do ámbito sanitario, sobre todo da atención primaria, fan o lugar idóneo para poder localizar novos casos de violencia de xénero. Detectar o primeiro sinal, ou ter unha pequena sospeita de que a muller está a vivir unha situación así, pode supoñer un paso decisivo co que poñerlle fin.

Este procedemento de detección precoz hoxe presentado, baseado nun exhaustivo cuestionario que xa ten demostrada internacionalmente a súa validez nas consultas de saúde, implantarase, ao longo do vindeiro ano, en todos os centros sanitarios da rede do Sergas, nas consultas de atención primaria, nos puntos de atención continuada, nos servizos de urxencias hospitalarias e nos centros de orientación familiar.

Con esta iniaciativa Sanidade pretende, -dixo o conselleiro-, aumentar a detección precoz da violencia de xénero dende unha idade temperá; mellorar a atención ds mulleres nas consultas de saúde e, homoxeneizar as actuacións no sistema sanitario público de Galicia.

Estes tres obxectivos buscan chegar ao obxectivo principal que é mellorar a vida das mulleres e axudar a erradicar a violencia de xénero da sociedade. Adiantar a detección e a intervención temperá do persoal sanitario é a clave, por iso o que se pretende, é chegar moito antes e localizar de forma moi precoz estas situacións, dixo o conselleiro.

Primeiro paso para a comprensión e visualización do problema

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, destacou a importancia do protocolo ao recordar que o sistema sanitario é unha das primeiras portas de entrada e de contacto dunha muller vítima de violencia de xénero cos servizos públicos. “A detección da situación de violencia por parte do persoal sanitario predispón á ruptura do silencio, o que supón o primeiro paso para a comprensión e visualización do problema”, engadiu. De feito, lembrou que en 2019, dos 6.325 partes de lesións xerados en atención primaria, un 16,7% foron casos de violencia de xénero, segundo o informe anual de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Lorenzana, así mesmo, sinalou que o protocolo Procedemento de cribado e actuación en saúde, responde á transversalidade que está a aplicar a Xunta no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste marco, e a través do acordo de colaboración asinado con Sanidade en 2019, leváronse a cabo diversas medidas como o Plan de formación en violencia de xénero para profesionais do ámbito sanitario. Tamén apuntou que a Xunta conta con varias guías e protocolos para facer fronte a esta lacra social como o protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); a guía de violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade feita coa colaboración de Acadar; ou as guías para o voluntariado en violencia de xénero, de literatura infantil e xuvenil para a igualdade o de actuación ante casos de violencia de xénero no eido educativo, entre outras.

Traballo realizado

O responsable sanitario puxo en valor todo o traballo que veñen realizando neste ámbito os profesionais do Sergas. Así, en violencia de xénero, o departamento sanitario galego non empeza a actuar agora, e ten constituídos dous grupos de traballo, un de violencia de xénero e saúde, que se ocupa da revisión e actualización dos protocolos de detección precoz, da denuncia destes casos e do deseño de actuacións e programas públicos nesta materia; e un segundo grupo de traballo, para a elaboración do Protocolo multidisciplinar nos casos de delitos contra a libertade sexual.

No acto, García Comesaña recordou, tamén, que, no ano 2016, o Sergas publicou o documento: “Violencia de xénero, procedemento de intervención en saúde”, que agora se actualiza.

Formación especializada

O máximo responsable sanitario galego sinalou que, para abordar este tipo de casos, requírese compromiso, moita sensibilización e unha formación especializada, por iso, previa á súa posta en marcha, durante os primeiros meses do vindeiro ano levarase a cabo un período de formación entre o persoal do Sergas. Tamén remarcou o conselleiro que, dende o ano 2010, a Consellería de Sanidade, a través da súa Escola galega de saúde para cidadáns, deu formación en violencia de xénero a máis de 20.000 profesionais sanitarios e, ao longo do pasado ano, puxo en marcha unha nova modalidade de formación on line.