A Xunta pon en valor o traballo das mulleres rurais galegas e a súa capacidade para emprender e facer fronte ás dificultades

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe por videoconferencia na presentación das xornadas ‘Construíndo un futuro sustentable no medio rural’, que organiza a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur)

Sinalou a importancia de seguir promovendo entre todas as administracións e colectivos a visibilización das mulleres rurais impulsando unha igualdade real de oportunidades para acceder a un emprego

Incidiu na necesidade de dar protagonismo feminino na toma de decisións no medio rural con fin de que as mulleres alcancen a representatividade que lles corresponde

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo hoxe en valor o traballo que desempeñan as mulleres rurais e a súa capacidade para emprender e facer fronte ás dificultades. Na presentación das xornadas Construíndo un futuro sustentable no medio rural, organizadas pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), destacou o labor que desenvolve a Xunta para dar visibilidade ás mulleres rurais e impulsar unha igualdade real de oportunidades para acceder a un emprego. No acto, ao que López Abella asistiu por videoconferencia, apuntou que “conseguir o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade en Galicia”.

López Abella explicou que a Xunta está convencida de que para mellorar a situación das mulleres rurais é fundamental entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, así como impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

A secretaria xeral da Igualdade resaltou que son as mulleres rurais moitas veces as titulares das explotacións gandeiras e as que traballan e gobernan, polo que considerou que son elas as que deberían participar con voto directo na asemblea da cooperativa, onde se dirimen as decisións empresariais máis importantes e que van afectar plenamente nas súas explotacións gandeiras.

Así, engadiu que “é necesario fomentar e promover o protagonismo feminino na toma de decisións no medio rural, co fin de que as mulleres alcancen a representatividade que equitativamente lles corresponde”.

Así mesmo, López Abella destacou o traballo do Goberno galego para reducir a fenda de xénero existente no emprego e no emprendemento promovendo a conciliación e a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais. “Só así será posible mellorar a calidade de vida das mulleres rurais e potenciar un desenvolvemento sostible e equitativo do noso rural”, matizou.

A Administración autonómica, entre outros programas, desenvolve campañas de prevención e sensibilización sobre a situación da muller rural e favorece a inserción laboral contando con axudas destinadas a fomentar o acceso a un emprego das mulleres vítimas de violencia de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, por último, agradeceu a Fademur o labor que desenvolve na súa loita pola igualdade e o progreso das mulleres rurais galegas.