A Xunta pon en valor en Lugo o I Plan galego contra a trata que con 7 millóns de euros ata 2024 fortalece os recursos de apoio ás vítimas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, expuxo hoxe, no marco da IV Formación Multilateral en Trata de Cruz Vermella, os apoios autonómicos neste eido

Destacou que na elaboración do documento participaron as 12 entidades que integran a Rede galega contra a trata, entre as que se atopa Cruz Vermella

Sinala que o Plan estratéxico sitúa a Galicia como referente no fortalecemento de recursos ás vítimas

  •  A Xunta pon en valor en Lugo o I Plan galego contra a trata que con 7 millóns de euros ata 2024 fortalece os recursos de apoio ás vítimas
  •  A Xunta pon en valor en Lugo o I Plan galego contra a trata que con 7 millóns de euros ata 2024 fortalece os recursos de apoio ás vítimas

Lugo, 30 de novembro de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, expuxo hoxe en Lugo, no marco da IV Formación Multilateral en Trata que organiza Cruz Vermella, os recursos da Xunta de apoio as vítimas que sofren esta grave violación dos dereitos humanos.

Así, puxo en valor o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que aprobou este mesmo ano o Goberno galego, despois de levar a cabo un proceso participativo para a súa elaboración, no que tomaron parte a ducia de entidades que conforman en Galicia a Rede galega contra a trata e que traballan coas vítimas desta lacra, entre as que se atopa Cruz Vermella.

O documento, cunha vixencia de tres anos (2022-2024), artella medidas e políticas para dar unha resposta integral e coordinada a estas mulleres e nenas que sofren esta forma de violencia de xénero. En palabras de López Abella, o I Plan galego contra a trata conta cun investimento de 7 millóns de euros para reforzar a loita contra esta forma de explotación e sitúa a Galicia como “referente” ao fortalecer os recursos para as vítimas e incidir na erradicación.

A través de seis principios reitores e cinco áreas estratéxicas define cerca de 60 medidas que conformarán a actuación integral. O 61% das actuacións baséanse nas propostas achegadas polas entidades. O Plan ten como finalidade articular políticas transversais para contribuír á súa erradicación e fortalecer os recursos de atención integral ás vítimas.

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero e, como novidade, a partir de 2023, incluirase tamén como vítimas de violencia de xénero ás de explotación sexual, que tamén poderán acceder ás prestacións económicas que lles recoñece Galicia.

López Abella destacou que, deste xeito, as vítimas poden acceder á axuda económica mensual para todas as vítimas da violencia de xénero e a todos os recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e á inserción laboral.

A secretaria xeral da Igualdade, para rematar, puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero, un eido ao que destinará o vindeiro ano 20,5 millóns de euros, un 14,71% máis ca o ano anterior, “para non só manter os recursos, servizos e prestacións que xa temos ao dispor das vítimas, senón tamén para reforzalos e amplialos”, concluíu.