O Goberno galego recibirá unha partida de preto de 290.000 euros
Madrid, 22 de abril de 2015.- A Xunta percibirá do Estado un 24,3 por cento máis que o ano pasado para o desenvolvemento de programas e servizos de asistencia social integral a vítimas da violencia de xénero.
No marco da Conferencia Sectorial de Igualdade celebrada hoxe en Madrid e onde participaron representantes da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta, estableceuse o reparto do crédito por parte do Estado ás Comunidades Autónomas.
Así, a nosa comunidade recibirá preto de 290.000 euros, dos que 166.635 euros destinaranse para a asistencia social integral para mulleres vítimas da violencia de xénero; 59.270 euros para a atención a menores; e 63.856 para a coordinación e establecemento dun plan persoalizado de atención ás vítimas da violencia de xénero.
Para este ano, o crédito total do Estado é de 4,1 millóns de euros, distribuídos en 2,9 millóns para o desenvolvemento de programas e prestación de servizos que garantan o dereito á asistencia integral ás vítimas da violencia de xénero e 1,2 millóns para a atención a menores expostos a situacións de violencia de xénero.
Tal e como lle foi comunicado tamén ás comunidades, este ano o Estado dispón a maiores de 1 millón de euros destinado á implementación dunha proposta común de mellora da coordinación e a posta en marcha dun plan persoalizado de atención ás vítimas da violencia de xénero.