A Xunta participa no acto de constitución da mesa de coordinación contra a violencia de xénero de Brión

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou o importante paso dado por Brión ao contar desde hoxe cun órgano que traballará na detección precoz da violencia de xénero, na atención áxil ás vítimas e na sensibilización da veciñanza

  •  A Xunta participa no acto de constitución da mesa de coordinación contra a violencia de xénero de Brión
  •  A Xunta participa no acto de constitución da mesa de coordinación contra a violencia de xénero de Brión

Brión (A Coruña), 22 de febreiro de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do Concello de Brión, que se celebrou no Centro Polivalente do municipio, onde destacou o “paso importante” que esta entidade local está a dar en favor da igualdade e na loita contra a violencia de xénero.
O traballo das mesas, valorizou López Abella, resulta fundamental para promover no eido municipal medidas, políticas e actuacións para a detección precoz desta lacra. Tamén para a sensibilización da veciñanza e para dar resposta áxil ás vítimas.
As mesas de coordinación contra a violencia de xénero son exemplo de que a colaboración entre administracións “garante a eficacia dos recursos destinados ás vítimas”, especificou a secretaria xeral. Son fundamentais, segundo expresou, para artellar medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, e tamén para procurar medios axeitados a cada caso.

Nestes órganos locais están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. No caso de Brión, a Mesa está presidida polo alcalde da localidade, Pablo Lago, e conta entre os seus integrantes con representantes da Garda Civil, dos servizos sociais municipais, do centro de saúde e de centros escolares de infantil, Primaria e Secundaria.

É obxectivo da Xunta intensificar o traballo das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen. Esta posibilidade está aberta aos 218 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Con esta finalidade, a Xunta está a desenvolver un programa de impulso das mesas con formación dirixida a un mínimo de 8 persoas dos ámbitos representados: social, sanitario, policial e xudicial. Brión foi un dos municipios seleccionados para impartir estas accións.

A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración que manteñen a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha rede de concellos e entes supramunicipais implicada na erradicación desta lacra.