A Xunta ofrece formación para axudar ás empresas da industria forestal a adaptarse á nova normativa en materia de igualdade

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta mañá nun webinario informativo

Multimedia

A Xunta ofrece formación para axudar ás empresas da industria forestal a adaptarse á nova normativa en materia de igualdade
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021.-

A Xunta de Galicia impartirá entre o 11 de maio e o 1 de xuño un curso de formación para axudar ao tecido empresarial a adaptarse á nova normativa estatal en materia de igualdade á que se poden acoller as empresas do forestal.

O director d a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta mañá no webinario Plans de igualdade na industria forestal, no que se informou tanto da nova normativa, como da formación ao respecto e das axudas existentes. Neste sentido, o Goberno galego convoca anualmente apoios para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal. Ademais, durante a xornada de hoxe,celebrouse unha mesa redonda coa participación de Finsa, Ecowarm e Fergo para analizar casos reais de implantación no sector da madeira.

O curso é unha iniciativa na que Galicia é pioneira e que foi deseñada no seo do Diálogo Social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo.

Elena Mancha insistiu en que independentemente das obrigas legais, “acometer medidas de igualdade efectiva no ámbito laboral constitúe unha responsabilidade empresarial necesaria para avanzar de forma progresiva na consecución da igualdade de oportunidades no ámbito empresarial”. Segundo indicou, tanto no eido forestal como no resto dos sectores, a igualdade consolídase como un “novo elemento estratéxico” que introduce formas innovadoras de xestión e mellora da eficacia organizativa, ademais de contribuír a detectar situacións de discriminación entre traballadoras e traballadores e acadar o equilibrio de sexos nas estruturas de persoal.

Garantir as mesmas oportunidades de formación e promoción empresarial na empresa, asegurar que a selección de persoal se realiza sen distincións de xénero e asentar medidas que favorezan a conciliación e a prevención do acoso constitúen vantaxes que, segundo a directora xeral, o tecido empresarial galego non pode desaproveitar.

Tema: