A Xunta leva a Lugo a xornada "Emprego sen etiquetas" para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza un encontro no Fórum Ceao no que porá de relevo o plan pioneiro que con 2,25 M€ buscará en 2024 aumentar o emprego feminino en eidos laborais onde predominan os homes

Multimedia

A Xunta leva a Lugo a xornada "Emprego sen etiquetas" para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2024.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebra este martes 2 de abril no Fórum Ceao de Lugo, unha nova xornada aberta ao público Emprego sen etiquetas, para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan os homes.

O acto acollerá unha mesa redonda, onde estarán representadas mulleres que traballan nos sectores do metal, forestal e de mecánica de aviación, na que compartirán a súa experiencia en ámbitos laborais masculinizados, poñendo en valor os seus testemuños como exemplos de mulleres que rachan cos prexuízos e cos estereotipos de xénero á hora de escoller as súas profesións.

A Xunta porá en marcha este ano un plan pioneiro, con 2,25 millóns de euros de orzamento,  para impulsar a presenza feminina en profesións onde a muller apenas está representada.  A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego. As achegas da convocatoria equivalerán ao custo da formación, prospección e contratación, cun máximo por cada muller inserida de 7.500 euros.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten en marcha tamén a campaña Ti elixes , desenvolvida en centros escolares, para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades ou motivacións persoais.

Con todas estas medidas, a Xunta de Galicia está a reforzar o seu compromiso na loita contra os estereotipos e as fendas de xénero no eido laboral e quere implicar nesta misión a toda a sociedade con xornadas como a que o martes se celebrará en Lugo e que ten as inscricións abertas a través dun formulario web.

Tema: