A Xunta lanza a campaña "Haters da Violencia de Xénero" para combater e crear comunidade contra esta lacra

A nova campaña de loita contra a violencia de xénero e as súas manifestacións estará presente en prensa, radio, televisión e nas redes sociais

Trátase de trasladar á sociedade unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e de brindar, especialmente á mocidade, ferramentas para detectar sinais e identificar malos comportamentos que moitas veces se desculpan

Para reunir as mensaxes na internet e nas redes sociais estreouse o hashtag #HatersdaViolenciadeXénero

Multimedia

A Xunta lanza a campaña "Haters da Violencia de Xénero" para combater e crear comunidade contra esta lacra
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2021.-
 
A Consellería de Emprego e Igualdade estrea hoxe nos medios de comunicación e nas redes sociais unha nova campaña de concienciación contra a violencia de xénero. Co título Hatersda Violencia de Xénero quérese brindar mensaxes de rexeitamento ante calquera comportamento ou conduta baixo a que subxacen situacións de violencia de xénero.
 
A iniciativa, enmarcada no conxunto de actuacións desenvolvidas en Galicia no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ten por obxectivo acadar que a sociedade en xeral e os mozos en particular, rexeiten a violencia de xénero e aprendan a identificar as condutas e accións, especialmente as que se sitúan no plano psicolóxico, as máis difíciles de detectar, xa que, en ocasións, se aceptan e mesmo se desculpan.
 
Todas as pezas da campaña mostran de maneira creativa e didáctica, cales son as condutas que hai que recoñecer como violencia de xénero con protagonistas cotiás nos que verse identificados.
 
A campaña utiliza ademais linguaxe e códigos estendidos entre a poboación moza e cada vez máis entre o resto da sociedade que se relaciona polas redes sociais. Está dirixida a todas e todos por medio dunha figura recoñecida polos usuarios destas: os haters, persoas intolerantes que amosa sistematicamente a súa negación ou rexeitamento ante calquera asunto a través de comentarios e actitudes hostís. A Xunta quere darlle unha volta a este concepto para que ese “odio” sexa construtivo e permita reivindicar, de xeito activo, a loita contra os abusos e crear un movemento de haters en positivo.
 
Para agrupar todo o contido que xere a comunidade na Internet vense de acuñar en paralelo o hashtag #HatersdaViolenciadeXénero.
 
A Xunta lanza hoxe a campaña en medios tradicionais e redes sociais para crear unha sociedade que levante a voz contra a violencia de xénero, poñendo o foco, non xa sobre as vítimas ou os maltratadores, senón sobre a sociedade e en como a súa unión resulta esencial para combater esta lacra e avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria.