A Xunta inviste 600.000 euros na nova oficina de emprego que Verín estreará en 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe Verín, que contará o próximo ano cunha nova oficina de emprego na Avenida de Sousas, cuxas obras comezarán antes de rematar 2021

A oficina contará con 357 metros cadrados, case o dobre da actual, e adaptarase as necesidades de modernización do servizo de emprego

A conselleira coñeceu o Centro de Información á Muller de Verín que atendeu desde 2017 a 564 mulleres e permitiu detectar 68 casos de violencia de xénero

Lorenzana desprazouse tamén a Oímbra onde se desenvolve un programa de conciliación con 41 nenas e nenos de 3 a 12 anos apoiado pola Xunta

  •  A Xunta inviste 600.000 euros na nova oficina de emprego que Verín estreará en 2022
  •  A Xunta inviste 600.000 euros na nova oficina de emprego que Verín estreará en 2022

Verín (Ourense), 23 de xullo de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, desprazouse hoxe ao Concello de Verín, onde anunciou que as obras da nova oficina de emprego da localidade, que dará servizo a outros oito concellos -Castrelo do Val, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós- arrancarán este ano. A Xunta investiu un total de 595.570 euros, dos que 332.570 corresponden ao acondicionamento do local e o restante á adquisición do mesmo.

A oficina, situada na Avenida de Sousas, ocupará un baixo de 357 metros cadrados, case o dobre das actuais dependencias da Avenida de Castilla. O proxecto global enmárcase na estratexia da Xunta de acometer unha reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, desde os espazos físicos ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación. Nas actuais instalacións traballan na actualidade sete persoas.

“Non deixamos de traballar pola mellora dos servizos de orientación e as oportunidades de colocación e inserción laboral de todas as galegas e galegos, a través tanto de infraestruturas físicas como de sistemas dixitais”, incidiu a conselleira hoxe en Verín. As oficinas de emprego distribuídas pola Comunidade constitúen un “espazo clave de intercambio da oferta e da demanda, de interconexión entre as administracións públicas e o tecido empresarial do noso mercado de traballo”, remarcou.

Ademais da de Verín, cuxa obra prevese finalizar no primeiro semestre do próximo ano, en 2021 rematarán as actuacións da oficina de Lugo e se acometerán obras na Coruña (oficina de Monelos), Cangas e Ponteareas, con proxectos xa en marcha.
Ademais de visitar a actual oficina de emprego situada na avenida de Castilla, a conselleira percorreu as instalacións do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Verín onde valorizou a súa contribución “cara a igualdade e o empoderamento feminino, a saúde e o benestar de mulleres que residen nos sete concellos que forman parte da Mancomunidade de Verín”.

Desde a creación deste centro no ano 2017 ata o día de hoxe atendeuse a 564 mulleres neste CIM e o número de consultas recibidas ascendeu a 2.573. Lorenzana destacou ademais que nestes 4 anos detectáronse desde o Centro 68 casos de mulleres e familias que se viron afectadas pola violencia de xénero. “Trátase dun recurso asistencial digno de admiración, que demostra un funcionamento exemplar e un apoio real ás mulleres que máis o precisan”, dixo a conselleira. “Os CIM son mostra da colaboración que mantemos dentro da Administración autonómica cos concellos para prestar unha asistencia integral ás vítimas da violencia de xénero”, engadiu.

A Xunta renova cada ano o seu apoio e intenta ampliar á rede de Centros de Información á Muller de Galicia porque, como indicou Lorenzana, “son estes centros os que materializan o compromiso do Goberno galego pola consecución dunha sociedade máis igualitaria e plural, onde non teña cabida nin a máis mínima manifestación de discriminación ou violencia pro razón de xénero”.

A última convocatoria de axudas destinadas ás entidades locais, integrada por catro programas cos que se fomenta a conciliación, se promove a igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero, se apoia aos Centros de Información á Muller (CIM) e se traballa na sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres vense de resolver o pasado mes de xuño con 6,4 millóns de euros e 262 entidades locais beneficiarias. A liña de apoio aos Centros de Información á Muller recibiu un total de 3,9 millóns de euros.

O CIM da Mancomunidade de Verín é un dos 17 que operan na provincia de Ourense, dun total de 84 CIMs distribuídos por todo o territorio galego, cos que se garanten 220 postos de traballo de profesionais multidisciplinares que interveñen en casos de violencia de xénero e que prestan atención e asesoramento a unha media de 9.300 mulleres ao ano e acompañamento nos procesos xudiciais ás vítimas.

“Logramos prestar un servizo de proximidade e estar ao carón das mulleres que o precisen, ofrecéndolles en todo momento unha atención integral e continuada que lles recorde que non están soas e axude a saír adiante”, remarcou a titular de Emprego e Igualdade.

Programa de conciliación en Oímbra

A conselleira desprazouse tamén hoxe a Oímbra onde visitou o programa de conciliación Oímbra Verán no que participan 41 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos.
A Xunta apoia desde 2015 este programa de conciliación do concello con cerca de 40.000 euros no marco das axudas destinadas á conciliación nas entidades locais.


 
Tema: