A Xunta inicia o deseño do I Plan estratéxico de Galicia para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe a xuntanza do Observatorio Galego da Violencia de Xénero na que destacou que Galicia é pioneira na loita contra esta lacra

Lorenzana informou sobre as novas axudas que se están abordando no Diálogo Social para apoiar a contratación das mulleres vítimas de violencia de xénero

Sinalou o grao de cumprimento das medidas do Pacto do Estado, xa que as actuacións realizadas en 2019 supoñen preto do 60% do total das programadas

  •  A Xunta inicia o deseño do I Plan estratéxico de Galicia para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata
  •  A Xunta inicia o deseño do I Plan estratéxico de Galicia para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021.-

A Xunta traballa na actualidade no deseño do I Plan estratéxico de Galicia para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata. Así o destacou hoxe a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na xuntanza do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Do que se trata, en palabras da conselleira, é de articular medidas de apoio, atención e acompañamento e asesoramento integral -xurídico, psicolóxico, sanitario e formativo-, así como de reforzar a rede de acollida para as mulleres dispostas a denunciar a coacción e a violencia da que son obxecto. Para o deseño da iniciativa, Lorenzana apuntou que a Xunta contará coa colaboración das ONGs especializadas nesta materia que formarán parte dos grupos de traballo que se constituirán para a elaboración do Plan.

Lorenzana lembrou que este primeiro Plan estratéxico para combater a vulneración dos dereitos das mulleres vítimas de trata sumarase a outras medidas que xa ten en marcha a Administración autonómica neste eido. Así, lembrou que a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle no seu artigo 3, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero.

Galicia é pioneira na implicación dunha administración autonómica na loita contra esta lacra coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizado en 2012, dun protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. A Xunta de Galicia tamén ten articuladas desde 2012 axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. A Administración autonómica traballou con máis de 7.000 mulleres nesta situación desde entón.

A Xunta, ademais, participou a través da Secretaría Xeral da Igualdade no proxecto internacional Itíneris, xunto cos gobernos de Austria, Portugal e Brasil para a protección dos dereitos das persoas migrantes, especialmente contra a explotación e a trata de seres humanos, tentando ademais previr a migración irregular a través de campañas de información in situ, no país de orixe.

Diálogo Social

Na xuntanza do Observatorio, o máximo órgano de violencia de xénero de Galicia, informáronse, ademais, doutros asuntos. A titular de Emprego e Igualdade destacou que por primeira vez, no seo do Diálogo Social, estanse a abordar as medidas do Pacto do Estado contra a violencia de xénero vinculadas co emprego. Explicou que se están a tratar, en concreto, novas liñas de axudas dirixidas a empresas para o fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como a entidades sen ánimo de lucro para promover a contratación das mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as vítimas de violencia sexual e as mulleres en contextos de prostitución.

Así mesmo, trabállase en apoios para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres que sofren violencia machista que para facer efectiva a súa protección e mediando un contrato laboral deban trasladar a súa residencia habitual a outra localidade. A Consellería de Emprego e Igualdade aposta tamén polo deseño e posta en marcha dun Plan de formación en igualdade e tratamento da violencia de xénero dirixido aos empregados públicos das oficinas de emprego de Galicia ao ser o canle primeiro dos programas de inserción laboral das vítimas violencia de xénero. Tamén se propón a actualización da convocatoria de axudas para o fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Na xuntanza tamén informouse sobre as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero executadas ao longo de 2019 (os datos de 2020 disporanse no primeiro trimestre deste ano). Galicia xa ten executadas 66 das 118 medidas encomendadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o período 2018-2022. As actuacións practicadas en 2019 supoñen, polo tanto, preto do 60% do total das programadas para os cinco anos. Para rematar, o Observatorio abordou as medidas do Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero como consecuencia da covid-19.

O Observatorio está integrado por membros de diferentes departamentos autonómicos, así como da Unidade contra a violencia de xénero da delegación do Goberno, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Fiscalía Superior de Galicia, a CRTVG, o Consello Galego das Mulleres, sindicatos e consellos de avogacía, psicoloxía e traballo social, entre outros. Naceu para coordinar o traballo para previr esta lacra social. O Observatorio realiza labores de recollida e análise de datos relacionados coa violencia de xénero para crear unha base de datos e leva a cabo a elaboración de informes e traballos de investigación.