A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, adiantou tamén hoxe que os concellos interesados poderán solicitar neste primeiro semestre axudas para realizar actuacións de prevención e tratamento integral de violencia de xénero
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2017.- A Xunta incrementa este ano a partida destinada á atención psicolóxica dos fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia de xénero. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) é o encargado de prestar este servizo no marco dun convenio de colaboración co Goberno galego cuxa partida aumenta nun 23% en 2017.
Así o explicou hoxe a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, durante unha intervención en comisión parlamentaria, na que destacou a relevancia deste programa que en 11 anos atendeu a máis de 1.300 menores (un total de 134 en 2016).
Ademais deste convenio, López Abella destacou que o Goberno galego abrirá novamente, no primeiro semestre deste ano, a convocatoria para que os concellos interesados soliciten financiamento para a realización de actuacións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, onde se poden incluír aqueles programas dirixidos a realizar asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas vítimas de violencia de xénero.
Tamén se referiu, na súa intervención, ao programa piloto de intervención con nenos e nenas vítimas de violencia de xénero, executado pola Fundación Meniños, e financiado na súa totalidade pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Ministerio de Sanidade, Servizos, Sociais e Igualdade.
Trátase dun programa piloto que comezou en 2012 e no que xa se teñen investido un total de 65.000 euros. Durante este tempo, desenvolveuse nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. A partir deste ano, chegará a Arteixo, Ames e á mancomunidade de Ordes. Sempre que este programa experimental cambia a súa zona de intervención, remata antes todas as intervencións en curso na cidade anterior para que ningunha familia quede sen a atención precisa. López Abella precisou que se trata dun proxecto piloto que vén a complementar todas as outras iniciativas que se levan a cabo na materia, como o convenio anual co COPG ou o financiamento anual aos programas dos concellos.