A Xunta incrementa nun 30% o convenio coa Fundación Meniños para a atención ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe na Coruña coa directora da entidade, Mónica Permuy, o documento de colaboración para seguir garantindo unha asistencia profesional integral e sensible a estas mulleres

Galicia conta cun marco lexislativo pioneiro no Estado que tipifica como forma de violencia de xénero a sexual

Lorenzana puxo en valor o programa de intervención terapéutica que leva a cabo Meniños, tamén coa cooperación da Xunta, para atender a nenos e nenas vítimas de violencia de xénero

Anunciou que nas próximas semanas asinaranse oito convenios con diferentes entidades sociais que traballan para loitar contra a violencia de xénero

 
  • A Xunta incrementa nun 30% o convenio coa Fundación Meniños para a atención ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias
  • A Xunta incrementa nun 30% o convenio coa Fundación Meniños para a atención ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias

A Coruña, 23 de abril de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe na Coruña un convenio de colaboración coa Fundación Meniños para atender ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias. A Xunta destinará a esta iniciativa 65.000 euros ata 2022, o que supón un aumento do 30% con respecto ao orzamento do ano anterior co obxectivo de seguir incrementando os recursos destinados a este fin.

O convenio posibilita o desenvolvemento dun programa de intervención con estas mulleres para garantirlles unha asistencia profesional integral e sensible, así como as súas familias, que tamén poden chegar a vivir situacións de dolor, como as propias vítimas que sofren desaxustes físicos, emocionais e de conduta.

Para iso, a iniciativa, segundo explicou a conselleira, incide principalmente na atención que prestan profesionais especializados e na oferta de recursos terapéuticos que posibiliten e melloren a recuperación das vítimas.

Lorenzana destacou que a sinatura deste convenio sumarase a outros oito que se firmarán nas próximas datas con diferentes entidades sociais de Galicia que traballan para facer fronte á violencia de xénero e lembrou que Galicia conta cun marco lexislativo pioneiro no Estado que tipifica como forma de violencia de xénero á violencia sexual. A conselleira, ademais, puxo en valor outras accións conxuntas que a Xunta desenvolve coa Fundación Meniños como é o programa de intervención terapéutica con nenos e nenas vítimas de violencia de xénero que se leva a cabo desde hai 9 anos.

Por último, agradeceu o labor que desenvolve esta entidade, da que sinalou que é referente na súa traxectoria no traballo de ámbito social e, particularmente, coas mulleres e familias vítimas de violencia de xénero. Para rematar, indicou que a Xunta está convencida de que a recuperación integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e sexual e das súas familias e achegados é “unha posibilidade real para a cal non deixaremos de dedicar recursos e de sumar esforzos”.