A Xunta incorpora a outros catro deportistas olímpicos galegos á súa campaña contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron hoxe contratos de patrocinio con deportistas clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020

Nesta ocasión, asinaron os contratos a nadadora Beatriz Gómez, o judoka Francisco Garrigós, o regatista Iago López e o xogador de tenis Martín de la Puente Riobó

En total, está previsto asinar contratos con 25 deportistas galegos nesta primeira fase

Esta acción enmárcase no convenio de colaboración incluído no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

  •  A Xunta incorpora a outros catro deportistas olímpicos galegos á súa campaña contra a violencia de xénero
  •  A Xunta incorpora a outros catro deportistas olímpicos galegos á súa campaña contra a violencia de xénero
  •  A Xunta incorpora a outros catro deportistas olímpicos galegos á súa campaña contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentaron hoxe contratos de patrocinio publicitarios con outros catro deportistas de élite galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 para que participen en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión, asináronse os contratos coa nadadora Beatriz Gómez, o judoka Francisco Garrigós, o regatista Iago López e o xogador de tenis en cadeira de rodas Martín de la Puente Riobó. Estes catro deportistas galegos súmanse así como aliados da Xunta na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade entre homes e mulleres no deporte e na vida.

Nos últimos meses xa asinaron os seus contratos de patrocinio a nadadora María Vilas; a judoka María Bernabeu; o triatleta Javier Gómez Noya; os piragüistas Teresa Portela, Cristian Toro, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; os regatistas Támara Echegoyen e Nicolás Rodríguez; o remeiro Rodrigo Conde; o arqueiro Miguel Alvariño; o xogador de tenis de mesa, Alberto Seoane; Juan Antonio Saavedra, que compite en tiro adaptado; e Agustín Alejos, xogador de baloncesto en cadeira de rodas.

Estes deportistas galegos son algúns dos 25 clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020, así como participantes nas edicións anteriores dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, que nesta primeira fase da iniciativa asinarán contratos de patrocinio.

Os participantes deberán incorporar nos seus equipamentos oficiais de competición e de adestramento os logotipos da Secretaría Xeral de Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego. Ademais, terán que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, cualificou a estes deportistas como ídolos e exemplos a seguir para a mocidade e resaltou o potencial educativo do deporte para inculcar valores como a tolerancia e a igualdade. Por iso, avogou pola implicación das institucións e tamén do mundo do deporte para colaborar na educación na igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a violencia machista.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte felicitou aos deportistas polo seu exemplo de esforzo e superación; así como tamén os animou a seguir comprometidos cos valores da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

Estes contratos de patrocinio intégranse no convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes. A iniciativa inclúe tamén medidas como campañas de prevención e sensibilización fronte a violencia de xénero dirixidas ás nenas e nenos, aos adolescentes e á mocidade, para que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes. Estas iniciativas leváranse a cabo en espazos deportivos e difundiranse a través dos clubs galegos de alta competición.

O acordo tamén fai referencia á dotación de equipamento da campaña NON contra a violencia de xénero para o colectivo arbitral e a posta en marcha do programa Xogade, unha campaña con deportistas en centros educativos. Nesta liña de colaboración integrase o convenio con estes deportistas olímpicos para que sexan embaixadores na loita contra a violencia machista.

A colaboración en materia de deportes forma parte dunha serie de acordos ratificados entre os distintos departamentos da Xunta e con colectivos sociais para impulsar medidas de carácter integral e transversal ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Tema: