A Xunta incide na necesidade de promover accións para acadar a igualdade de xénero no ámbito universitario

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participou hoxe na inauguración do XIII Encontro da Rede de Unidades de Igualdade para a Excelencia Universitaria

A Xunta aposta por traballar desde as universidades na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias

  •  A Xunta incide na necesidade de promover accións para acadar a igualdade de xénero no ámbito universitario
  •  A Xunta incide na necesidade de promover accións para acadar a igualdade de xénero no ámbito universitario

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020.-

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, incidiu hoxe na necesidade de promover accións para promover a igualdade entre mulleres e homes nas universidades.

Así o indicou na inauguración do XIII Encontro da Rede de Unidades de Igualdade para a Excelencia Universitaria (RUIGEU 2020) que se celebrou de forma telemática e na que tamén participaron os reitores das tres universidades galegas e a directora do Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades, Beatriz Gimeno.

Durante a súa intervención, defendeu que a universidade é o ámbito de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, polo tanto, é neste eido onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade, así como traballar cara a consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias. Nesta liña, destacou o importante papel das universidades para inculcar os valores da igualdade nas xeracións máis novas.

Deste xeito, a Xunta e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo colaboran en distintas iniciativas a prol da igualdade e da loita contra a violencia de xénero. Un exemplo é o acordo de colaboración, dotado con 300.000 euros, e asinado o ano pasado entre o Goberno galego e as tres institucións académicas para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A secretaria xeral da Igualdade por delegación engadiu que, pese a que as mulleres teñen unha presenza maioritaria entre o alumnado universitario, é preciso unha maior concienciación e sensibilización para rachar coa fenda de xénero e incrementar a presenza feminina na docencia e nos postos directivos no ámbito universitario para contribuír a que as universidades sexan institucións igualitarias.

 
Tema: