A Xunta incide en que todas as mulleres vítimas da violencia de xénero que cumpran os requisitos da orde cobrarán as axudas

A liña de axudas está destinada a mulleres que se atopan en situación de dependencia económica do agresor, co obxectivo de garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica

O ano pasado percibiron esta modalidade de axudas 362 mulleres residentes en Galicia e os seus 358 fillos e fillas menores

Xunta e Fegamp crearon o pasado mes de setembro unha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que xa conta con 96 concellos adheridos

  • Susana López Abella durante a súa comparecencia no Parlamento (Autor: Ana Varela)
  • Susana López Abella durante a súa comparecencia no Parlamento (Autor: Ana Varela)
  • Susana López Abella durante a súa comparecencia no Parlamento (Autor: Ana Varela)

Santiago, 7 de xuño de 2013.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe no Parlamento que todas as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os requisitos da convocatoria de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero para o ano cobrarán as axudas.

Esta liña de axudas está destinada a mulleres que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor, co obxectivo de garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica que lles permitan dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

O pasado ano un total de 362 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia e os seus 358 fillos e fillas menores percibiron esta modalidade de axudas. Delas, un 79,6 por cento eran de nacionalidade española e o restante 20,4% inmigrantes, maioritariamente de orixe brasileira, seguida de portuguesas e peruanas.

Por provincias, A Coruña encabeza a listaxe con 145 perceptoras de axudas, seguida de Pontevedra con 125, Lugo con 47 e Ourense con 45. O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 62 por cento do total.

Rede de entidades locais contra a violencia de xénero

López Abella destacou no Parlamento que Xunta e Fegamp deron un paso adiante para aunar os recursos e estratexias contra a violencia de xénero, tal e como se reflicte no convenio que ambas asinaron en setembro para crear unha rede de entidades locais contra este tipo de violencia. A día de hoxe, xa son 96 os concellos adheridos.

A ‘Rede de entidades locais contra a violencia de xénero’ configúrase como un instrumento que permita conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

A Rede ten coma obxectivos promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detección precoz de situacións de risco, mobilizar e implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, fomentando unha actitude crítica, solidaria e comprometida fronte a situacións de maltrato, fomentar o trato igualitario entre mulleres e homes e conseguir a tolerancia cero coas persoas agresoras.

Colectivo: 
Localización xeográfica: