A Xunta impulsa o talento feminino na economía social coa formación de 200 mulleres a través do programa Medrando Xuntas

O pasado ano, pese á covid-19, creáronse en Galicia 125 novas empresas relacionadas coa economía social, o que demostra a fortaleza deste modelo de negocio

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no IV Foro Medrando Xuntas

Sinalou ás persoas como “a forza impulsora” da economía social e destacou os valores que esta fórmula empresarial defende como son a democracia institucional e económica e o compromiso co territorio

A Xunta investiu 80 millóns de euros nos últimos tres anos para consolidar este modelo en Galicia, superando, así, o orzamento previsto na Estratexia galega de economía social 2019-2021, que ascendía a 73 millóns

Multimedia

 A Xunta impulsa o talento feminino na economía social coa formación de 200 mulleres a través do programa Medrando Xuntas

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 18 de xuño de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no Pazo de Baión no IV Foro Medrando Xuntas, unha iniciativa que apoia a Xunta de Galicia para impulsar o talento feminino na economía social galega e que desde o seu inicio en 2017 acadou formar a máis de 200 mulleres, un total de 50 procedentes das catro provincias galegas na edición deste ano. O foro celebrado hoxe é un evento aberto a todas as mulleres da economía social, constituíndose como un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no seu desenvolvemento profesional.


Lorenzana sinalou que este programa forma parte da Estratexia galega de economía social 2019-2021 coa que a Xunta impulsa a consolidación deste modelo de negocio que ten demostrado, segundo afirmou, a súa resistencia fronte aos períodos de crise. Así, indicou que o pasado ano, pese á covid-19, creáronse na Comunidade galega 125 novas empresas deste sector.


Indicou, así mesmo, que esta Estratexia ten entre os seus retos reforzar e promocionar o acceso das mulleres aos emprego en entidades de economía social, especialmente en postos de maior responsabilidade. “Marcámonos como firme obxectivo que a metade das promotoras en novas cooperativas sexan mulleres”, subliñou. Neste senso, a titular de Emprego e Igualdade avogou, unha vez máis, pola igualdade real entre homes e mulleres que, segundo afirmou, baséase na corresponsabilidade no fogar e na xustiza no traballo. “Neste desafío compartido contamos con escenarios favorables como os que nos ofrece a economía social”, apuntou.


A conselleira indicou que, por iso, a Xunta aposta pola economía social e, neste senso, avanzou que o orzamento previsto pola Xunta na Estratexia galega de economía social tense superado, xa que se investiron en tan só tres anos un total de 80 millóns de euros fronte aos 73 millóns que prevía este documento. En 2021 estanse destinando 33 millóns a este fin, un 22% máis que en 2020.


Para rematar, resaltou os valores que defende a economía social sinalando que as persoas son “a forza impulsora” desta fórmula empresarial. Tamén puxo en valor o compromiso deste modelo de negocio co territorio fronte o despoboamento e avellentamento do rural e a súa defensa da democracia institucional. “A economía social supón para Galicia un selo de identidade e calidade”, rematou.


Medrando xuntas

Trátase dun programa formativo gratuíto posto en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade para fomentar o talento feminino nas entidades de economía social. Está dirixido a todas as mulleres de entidades de economía social, ben sexan socias e/ou traballadoras, responsables de dirección e/ou de goberno. Así, o programa conta desde o inicio con dous itinerarios: un para as mulleres con responsabilidades de goberno e dirección e, outro, para socias e traballadoras. Ambos comparten contidos organizados en áreas temáticas vinculadas á xestión das organizacións e ás habilidades persoais.