A Xunta formou cerca de 20.000 profesionais en 2020 en prevención e atención á violencia de xénero e na promoción da igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, interveu hoxe por videoconferencia na VII Xornada Universitaria Galega en Xénero

Cerca de 3.000 persoas participaron en 2020 nas actividades desenvolvidas nas tres universidades galegas en materia de igualdade

Galicia é pioneira na colaboración permanente en clave de xénero coas súas universidades públicas

Máis de 16.000 profesionais da sanidade seguiron o ano pasado os módulos específicos de asistencia e/ou tratamento das situacións de violencia de xénero e outros 2.000 empregados públicos recibiron formación en materia de igualdade

  • A Xunta formou cerca de 20.000 profesionais en 2020 en prevención e atención á violencia de xénero e na promoción da igualdade
  • A Xunta formou cerca de 20.000 profesionais en 2020 en prevención e atención á violencia de xénero e na promoción da igualdade

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo énfase hoxe no esforzo formativo que a Xunta está a facer en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero tanto no eido universitario, mediante a colaboración coas tres universidades galegas, como entre o persoal público que traballa en contacto coas vítimas.

López Abella participou hoxe por videoconferencia na VII Xornada Universitaria Galega en Xénero onde destacou que a Comunidade é pioneira no desenvolvemento de medidas con perspectiva de xénero no ámbito universitario, con actuacións desenvolvidas en 2020 nas que, a pesares da pandemia, tomaron parte cerca de 3.000 persoas.

A formación de profesionais, tal e como subliñou a secretaria xeral da Igualdade, é prioritaria no marco das actuacións promovidas pola Xunta en materia de igualdade.

Un total de 20.000 persoas recibiron formación o ano pasado en materia de prevención da violencia de xénero, a asistencia ás vítimas e o tratamento das situacións de violencia; como o persoal da Administración Pública (2.017 persoas), profesionais sanitarios (16.635 participantes) e da educación, psicólogos (250), voluntarios (169), persoal dos Centros de Información á Muller (180 persoas) e membros das Forzas e Corpos de Seguridade (300 profesionais), entre outros colectivos.

A secretaria xeral da Igualdade, destacou a necesidade de inserir a perspectiva de xénero en todas as disciplinas da docencia galega. Exemplificou que grazas a colaboración coas tres universidades galegas, e por terceiro ano consecutivo, tomaron parte nas actividades desenvolvidas perspectiva de xénero e no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero un total de 2.728 persoas. “Galicia foi pioneira en chegar a este acordo colaborativo tan necesario e fundamental”, lembrou.

López Abella incidiu ademais no importante papel das mulleres durante a pandemia, un dos temas que se abordaron na xornada de hoxe. “As mulleres desempeñaron e desempeñan un papel imprescindible na loita contra a covid-19”, afirmou e puxo como exemplo, entre outros, o seu papel nos coidados, nas redes familiares e comunitarias, as traballadoras esenciais sanitarias e da limpeza, ou en servizos básicos como supermercados.
Lembrou, por outra banda, que “nos contextos de confinamento, as mulleres que sofren violencia de xénero, as mulleres vítimas de trata e explotación sexual, así como as mulleres prostituídas, nenos e nenas, constitúen colectivos especialmente vulnerables” e reivindicou a necesidade de abordar a tripla dimensión desta crise (sanitaria, social e económica) cun “enfoque de xénero para que non se incrementen as desigualdades existentes”.

No caso da Xunta, reforzouse desde o inicio da pandemia a atención ás vítimas da violencia machista garantindo a operatividade dos servizos 24x7 de atención telefónica, apoio psicolóxico e social e seguimento permanente das vítimas, entre outros; e, por outra banda, a rede de centros de acollida coa apertura dun novo recurso en Chantada (Lugo) e de centros alternativos.