A Xunta forma a máis de 700 profesionais en plans de igualdade, fenda salarial e prevención do acoso sexual no traballo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe un novo curso sobre igualdade laboral para axentes e graduados sociais e xestores administrativos

A formación ofrécese ata o 26 de abril á carta a través dunha plataforma de teleformación para achegarse a todas as persoas inscritas

Entre as temáticas abórdase o deseño dos plans de igualdade no seo das organizacións, as desigualdades salariais e o acoso ás traballadoras

Mancha: “As pensións das mulleres son e serán sempre inferiores ás dos homes mentres non se acabe coa desigualdade retributiva”

Multimedia

A Xunta forma a máis de 700 profesionais en plans de igualdade, fenda salarial e prevención do acoso sexual no traballo

Santiago de Compostela, 6 de abril 2021.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un novo curso da Xunta de formación básica en igualdade laboral, que conta con 722 participantes, principalmente xestores, axentes sociais e graduados sociais. Durante oito horas abordarase a necesaria negociación dos plans de igualdade nas empresas e outras cuestións que inciden na realidade laboral das mulleres como o acoso ou a desigualdade retributiva.

“A desigualdade laboral é quizais a mais difícil de erradicar, porque está directamente relacionada coa maternidade e as responsabilidades familiares como consecuencia directa”, indicou a directora xeral na apertura do curso. A Xunta traballa, segundo matizou, para que se melloren as súas condicións laborais, de promoción e de salario. “Os poderes públicos estamos obrigados a tomar decisións e educar á sociedade para adoptar comportamentos que promovan o fin das desigualdades entre mulleres e homes”, encaixou Mancha, convencida do importante papel da formación en materia de igualdade a nivel transversal.

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ten na igualdade laboral unha das súas máximas. A Xunta está a arbitrar medidas que impulsen un coñecemento o máis profundo posible sobre estes temas.

Mancha enxalzou o papel das representacións legais dos traballadores e organizacións sindicais na necesaria negociación dos plans laborais para esixir “todo o posible” para que a igualdade sexa unha realidade nas organizacións empresariais e que se faga “xustiza social” coas mulleres. Á súa vez indicou que cómpre que os interlocutores sociais “saiban tamén entender as enormes dificultades das empresas na ruptura de desigualdades estruturais” das que son herdeiras.

A Xunta, como administración responsable da xestión das políticas de igualdade, está a promover a chegada da normativa de igualdade laboral a todas as empresas e ás persoas traballadoras. A formación das persoas vinculadas ao mundo laboral está dentro dos obxectivos do Goberno galego para impulsar un emprego de calidade, atendendo á diversidade e á igualdade.

Formación “á carta”

O curso básico en igualdade laboral é un bo exemplo deste compromiso. Comprende 8 horas de formación e se impartirá desde hoxe e ata o próximo 26 de abril.

Trátase dunha formación de 3 módulos impartida con titores de forma gravada a través dunha plataforma de teleformación que permite seguir o curso e remitir consultas escritas. A visualización das gravacións é flexible e á carta para o alumno, que poderá acceder ás mesmas durante todo o período formativo. Para lograr a acreditación do curso é necesario superar un test en dúas oportunidades de cada módulo.

O módulo de hoxe afondou no estudo da negociación dos plans de igualdade como un dos instrumentos “máis importantes” segundo Elena Mancha, para alcanzar a igualdade entre mulleres e homes. En sucesivas sesións abordarase a igualdade retributiva e o acoso sexual no ámbito do traballo.

“A desigualdade retributiva entre mulleres e homes é unha realidade que non pode seguir manténdose por máis tempo”, asegurou Mancha, quen lembrou que a fenda discrimina á muller mesmo cando remata a súa vida laboral: “As pensións das mulleres son e serán sempre inferiores ás dos homes mentres non se acabe coa desigualdade retributiva”, dixo.

En canto ao acoso por razón de sexo, incidiu na necesidade de que as empresas estean preparadas para erradicalo, dotándose dun procedemento que detecte, emende e elimine estas situacións.

As 722 persoas que participan desde hoxe na formación proceden da Confederación de Empresarios da Coruña (223), de Lugo (15) e da patronal ourensá (4). Aportan alumnado ademais os colexios de graduados sociais de Pontevedra (94), A Coruña e Ourense (84) e Lugo (24) así como o Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (82 persoas), Comisións Obreiras (59), UXT (66) e CIG (15).


Tema: