A Xunta flexibiliza o acceso das vítimas da violencia vicaria ás axudas mensuais de ata 800 euros tras ser recoñecidas por lei vítimas da violencia de xénero

O Goberno galego reduce os requisitos para que estas mulleres accedan aos apoios ao eliminar o límite de tempo transcorrido desde o cese da convivencia co agresor e para a acreditación da situación de violencia

Galicia destinará ata 2023 máis de 5 millóns de euros, ampliables segundo as necesidades, para garantir os pagamentos mensuais ás vítimas da violencia de xénero

Galicia é a única comunidade que conta cun apoio periódico para estas mulleres que se pode solicitar en calquera momento do ano

Multimedia

 A Xunta flexibiliza o acceso das vítimas da violencia vicaria ás axudas mensuais de ata 800 euros tras ser recoñecidas por lei vítimas da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021.-

As vítimas da violencia vicaria poderán acceder ás axudas de pago mensual de ata 800 euros que concede a Xunta ás vítimas da violencia de xénero con maior facilidade, ao eliminar a Xunta os límites temporais de acreditación da súa condición de vítimas ou de cese da convivencia co agresor.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha modificación das bases reguladoras, que deriva do cambio lexislativo aprobado no mes de xuño polo que se considera ás vítimas da violencia vicaria, vítimas de violencia de xénero. Este recoñecemento ten efectos retroactivos, polo que a Xunta decidiu eliminar a condición de que para optar a estes pagamentos mensuais, a convivencia destas mulleres co agresor tiña que ter cesado nos doce meses anteriores a solicitaren a axuda. Tamén se retira o límite temporal de 12 meses transcorridos desde a emisión do documento acreditativo da condición de vítimas.
A Xunta vén de aprobar a consignación de máis de 5 millóns de euros (5.050.000€) de fondos autonómicos -cifra ampliable en función das necesidades- para facer fronte durante 2022 e 2023 a estes pagos periódicos. Galicia é a única comunidade que ofrece estes apoios, que se poden solicitar en calquera momento do ano.
Ademais das vítimas da violencia vicaria, que desde o ano 2019 xa podían acceder a estas axudas, a liña ten como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
A Xunta quere garantir que todas estas mulleres conten cunhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor e, no caso das vítimas de trata co fin de explotación sexual, da persoa que mantivera sobre elas unha relación de dominación.

De 200 a 800 euros

A axuda consiste nun pago mensual destinado directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade vai dos 200 euros aos 800 euros mensuais, en función dos ingresos da muller, dos fillos ou fillas menores (ou menores en acollida) que teña ao seu cargo e de circunstancias como a discapacidade.
Entre 2009 e 2021 o Goberno autonómico destinou case 40 millóns de euros para o mantemento destes pagos mensuais, triplicándose a contía destinada a este fin (pasouse de 1,4 millóns do programa 2009-2010 a máis de cinco da convocatoria 2022-2023). Nos últimos once anos resultaron beneficiarias máis de 5.000 mulleres.
As axudas periódicas constitúen unha das medidas principais coa que a Xunta dispensa apoio económico ás vítimas da violencia de xénero, para as que se dispoñen ademais outras tres liñas de apoio importantes como son as de pago único -dirixidas ás mulleres con dificultades na busca de emprego-; as de indemnización -que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial-; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas e orfos/as das asasinadas.