A Xunta financia programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero das entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria de axudas, que se enmarca no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Multimedia

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan as axudas para que as entidades sen ánimo de lucro poñan en marcha programas de inserción laboral destinados ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Para a concesión destas axudas destínase un total de 725.000 euros entre 2019 e 2020. A contía máxima dunha axuda será de 100.000 euros. O prazo para solicitalas será dun mes a partir de mañá.

O obxectivo desta convocatoria é poñer en marcha accións que favorezan a inserción sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de desemprego, coa finalidade última de que se poidan integrar no mercado laboral. Hai que ter en conta que, en moitas ocasións, a falta de recursos propios é un dos principais obstáculos para romper coa situación da violencia. Na orde establécese ademais que terán preferencia para incorporarse os programas aquelas mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares.

A convocatoria financia varias tipos de accións. Entre elas, itinerarios de inserción (plan de acción personalizado, busca activa de emprego con acompañamento, asesoramento, intermediación laboral....); formación para o emprego (en competencias clave, autoemprego....); apoio á conciliación (poranse á disposición das mulleres servizos de atención persoal ou familiar para que poidan participar nas accións do programa); e bolsas para as participantes (que poderán cubrir transporte e desprazamento, para incentivar a súa participación na iniciativa).

Estas axudas inscríbense no compromiso da Xunta coa loita e prevención da violencia de xénero, e con proporcionar recursos integrais a estas mulleres para facilitar a súa saída da situación de violencia. A Administración autonómica ten a disposición das vítimas axudas económicas, asistencia psicolóxica ou unha rede de acollemento, entre moitos outros recursos.

Ademais, estase a facer un importante esforzo por facilitar a integración laboral destas mulleres. A maiores da convocatoria publicada hoxe, o Goberno galego puxo por primeira vez este ano outra iniciativa para fomentar a contratación de vítimas de violencia de xénero nos concellos galegos. Esta iniciativa pioneira permitirá a contratación de 40 mulleres en 7 concellos.