Este recurso intégrase dentro da Rede Galega de Acollemento que o ano pasado acubillou a 114 mulleres e 89 menores
Ferrol, 5 de maio de 2022.-
A Consellería de Emprego e Igualdade e o Concello de Ferrol rubricaron esta mesma semana un acordo de colaboración para o mantemento da Casa de Acollida da localidade, de titularidade municipal e unha das dúas coas que conta a provincia da Coruña.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, indicou que en virtude deste convenio, Igualdade aporta preto de 50.000 euros para o financiamento de gastos correntes derivados do funcionamento do servizo no centro municipal de acollida. Pola súa parte, a entidade local comprométese a manter o centro en funcionamento e prestar o servizo integral, de atención, emerxencia, apoio, acollida e de recuperación ás mulleres vítimas de violencia de xénero, dándolles aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia ás mulleres e ás súas fillas e fillos menores.
A Casa de Acollida de Ferrol conta actualmente con 13 prazas e está integrada dentro da Rede Galega de Acollemento de vítimas de violencia de xénero que o pasado ano acubillou a 114 mulleres e 89 menores. Esta rede conta con sete recursos específicos para acollemento: tres casas de acollida, entre as que se atopan a de Ferrol, A Coruña e Ourense; tres vivendas tuteladas en Vigo, Burela e Chantada, e un centro de emerxencia en Vigo.