A Xunta eleva un 54% o orzamento do programa Emega de emprendemento feminino para apoiar máis iniciativas empresariais e xerar emprego para mulleres

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, informou da convocatoria hoxe no Diario Oficial de Galicia dunha nova edición do programa Emega, que contará cun orzamento histórico: 3,2 millóns de euros

Lorenzana visitou a empresa compostelá Ana Prados Atelier e Academia, beneficiaria dun Emega no ano 2020, como exemplo do apoio da Xunta ao emprego feminino

A Xunta vén de incrementar todos os incentivos do programa en 2.000 euros, polo que as contías para as beneficiarias oscilarán entre os 8.000 e os 42.000 euros

A intensidade da axuda varía en función dos postos de traballo feminino xerados

Desde 2009 o Goberno galego contribuíu ao financiamento de 900 empresas promovidas por mulleres grazas a estes apoio

Multimedia

A Xunta eleva un 54% o orzamento do programa Emega de emprendemento feminino para apoiar máis iniciativas empresariais e xerar emprego para mulleres

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, informou da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino, dotada neste 2021 co seu máximo orzamento, 3,2 millóns de euros, un 54% máis que na convocatoria 2020, no que apoiou a cifra récord de 197 iniciativas femininas que xeraron 227 novos empregos.

A conselleira visitou en Santiago as dependencias do Atelier e a Academia de Ana Prados, unha iniciativa beneficiaria das axudas Emega no ano 2020, que “lle permitiu ir tecendo o seu propio proxecto de futuro”, destacou.

“Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades” resaltou Lorenzana.

Catro liñas de actuación integran o programa Emega. A liña Emprende, destinada a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; a liña Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais garantindo ou incrementando os postos de traballo da empresa; a liña ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.

A contía dos apoios para todas estas liñas vai dos 8.000 euros aos 42.000 e ten en conta o número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas. Lorenzana animou a toda muller interesada en iniciar o seu propio negocio a informarse desde hoxe mesmo da nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia e a contactar coa Consellería de Emprego e Igualdade para o que precisen.

Incremento de incentivos

Na actual convocatoria, Emega segue a adaptarse ao contexto de pandemia, para minimizar os efectos da covid-19 entre as novas emprendedoras e as beneficiarias. Por este motivo realizouse un incremento lineal de 2.000 euros en todos os incentivos, coa finalidade de chegar a maior número de empresarias e favorecer un emprendemento máis sólido e continuado no tempo.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben cumprir, entre outros, o requisito de liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída; estar domiciliadas en Galicia; ter vinculación laboral co negocio e estar de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e presentar proxectos con viabilidade económica, técnica e financeira.

As mulleres interesadas dispoñen ata o 14 de agosto de prazo para presentar as súas solicitudes.

O pasado 2020 o programa contou cun orzamento de 2,1 millóns de euros, o que permitiu apoiar a cifra récord de 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou mantemento de 323 postos de traballo femininos. Este 2021, o presuposto da convocatoria ascende a 3.267.251 euros, o maior orzamento da historia deste programa.

Desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 11 millóns de euros no programa Emega, contribuíndo deste xeito ao nacemento de 900 proxectos empresariais femininos que permitiron crear 1.416 postos de emprego para mulleres.

O programa Emega é punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral desde a Xunta mediante o apoio ao desenvolvemento da actividade empresarial feminina e accións a prol da conciliación laboral e familiar. “Funciona e os resultados son boa mostra diso”, subliñou a conselleira de Emprego e Igualdade, que engadiu que o Goberno galego “está incrementando e consolidando a presenza feminina no tecido empresarial galego, o que supón n gran avance colectivo e anuncia unha maior prosperidade para a comunidade galega en todo o seu conxunto”.