A Xunta elabora Unha caixa de ferramentas con catro guías para facilitar o traballo das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu hoxe unha xornada de traballo en Santiago de Compostela sobre estas mesas interinstitucionais na que se deu a coñecer este novo recurso de información contra a violencia machista

Sinalou a necesidade de dotarse de instrumentos de coordinación a nivel local para dar unha resposta eficaz á violencia contra as mulleres

Multimedia

A Xunta elabora Unha caixa de ferramentas con catro guías para facilitar o traballo das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu hoxe unha xornada de traballo en Santiago de Compostela sobre as Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, na que se deu a coñecer un novo recurso de información para a promoción da igualdade e de loita contra a violencia de xénero.

Trátase da Caixa de Ferramentas, que recolle catro guías. A primeira céntrase nos mecanismos de difusión dos servizos para a promoción da igualdade igualdade e a prevención da violencia de xénero. A segunda contén unha proposta práctica para a realización de encontros con entidades e colectivos de mulleres. O terceiro documento mostra diferentes metodoloxías de traballo para a dinamización das xuntanzas das mesas locais de coordinación interinstituiconal contra a violencia de xénero. E a última das guías recolle un proceso para deseñar un protocolo municipal de intervención ante situacións de violencia de xénero, con pautas de traballo que faciliten a súa planificación e adaptado aos recursos do territorio.

Este novo manual é froito dunha das necesidades identificadas dentro do programa de formación e dinamización destas mesas locais co propósito de achegar á cidadanía dun xeito máis sinxelo os recursos de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero. Esta Caixa de Ferramentas, polo tanto, en palabras de Vázquez, está concibida como un caderno práctico de traballo, con diferentes recursos para facilitar o traballo destas mesas.

A secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia do labor que desenvolven estas mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero e salientou que desde a Xunta apóianse ás entidades que desexen constituílas, xa que supoñen “un mecanismo útil de harmonización dos recursos contra a violencia de xénero”.

Sandra Vázquez lembrou que a Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, promovida desde o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ten como cometidos principais establecer medidas preventivas contra a violencia de xénero e detectar posibles situacións de risco. Á Rede están adheridos máis de 200 concellos, “o que supón unha extensa presenza no conxunto do territorio galego”, indicou.

Segundo Vázquez, unha das actividades prioritarias a desenvolver nos territorios é a de coordinar os recursos e as diferentes áreas e departamentos implicados na prevención e tratamento das situacións de violencia de xénero; e, para iso, indicou que é necesario dotarse de instrumentos de coordinación a nivel local, para dar unha resposta eficaz á violencia contra as mulleres e afrontalo con garantías nas súas distintas dimensións.