Xunta e Universidade de Vigo inauguran o primeiro curso especializado en igualdade de mulleres e homes nas relacións laborais

A formación, a primeira deste tipo que ofrece unha comunidade, diríxese a estudantes ou persoas traballadoras das áreas de recursos humanos, relacións laborais, asesorías ou organizacións sindicais e empresariais

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou na inauguración que Galicia investirá en 2022 16 millóns en medidas de corresponsabilidade e conciliación das persoas traballadoras

O Goberno galego incentivará ademais a igualdade no marco das relacións laborais con outros dous millóns de euros

Este ano convocaranse máis de 5.000 prazas de formación gratuíta en igualdade laboral a través do espazo virtual específico estreado o pasado outubro pola Xunta

  • Xunta e Universidade de Vigo inauguran o primeiro curso especializado en igualdade de mulleres e homes nas relacións laborais
  • Xunta e Universidade de Vigo inauguran o primeiro curso especializado en igualdade de mulleres e homes nas relacións laborais
  • Xunta e Universidade de Vigo inauguran o primeiro curso especializado en igualdade de mulleres e homes nas relacións laborais

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana puxo hoxe en valor as medidas coas que a Xunta está a apoiar a igualdade laboral, “como elemento estrutural e como motor empresarial, da economía e da sociedade galega”. Lorenzana inaugurou hoxe en Santiago de Compostela o primeiro curso especializado de igualdade entre mulleres e homes nas relacións laborais, unha actividade formativa sen precedentes noutras comunidades autónomas, polo seu carácter específico e duración, organizado coa Universidade de Vigo no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela.
Lorenzana subliñou que en 2021, máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento vinculado á formación en igualdade laboral ofrecida de maneira gratuíta pola Administración Autonómica, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartila en modalidade virtual.
Este 2022 o Goberno galego ofertará máis de 20 cursos e un total de 5.000 prazas que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou teletraballo. “Somos a primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral a toda a cidadanía, tanto aos axentes sociais como aos traballadores en xeral, como este curso superior que se acordou no seo do Diálogo Social”, remarcou a conselleira.
O Goberno galego destinará, por outra banda, este ano, 16 millóns de euros para posibilitar a redución da xornada laboral e mellorar a conciliación das persoas traballadoras no coidado e atención das súas fillas e fillos, e para apoiar a conciliación por maternidade ou paternidade dos autónomos, subvencionando a contratación doutra persoa para cubrir a baixa destes profesionais.
“A Xunta de Galicia segue a traballar na procura dunha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes tamén no ámbito das relacións laborais, eido ao que este ano destinamos máis de 2 millóns de euros, principalmente para seguir formando, capacitando e fomentando a conciliación, a corresponsabilidade, a responsabilidade social empresarial e a igualdade laboral”, aseverou Lorenzana.

Formación especializada

O curso especializado que hoxe arrancou no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia celebrarase de forma presencial ata o 3 de xuño. Consta de 150 horas de formación, diríxese a estudantes e/ou graduados en áreas relacionadas co dereito do traballo e os recursos humanos, así como a profesionais deste sector, teñan ou non titulación, ou membros de organizacións empresariais e sindicais.
Os contidos están estruturados en 7 módulos de carácter teórico e dous prácticos que abordarán, entre outras cuestións, a igualdade retributiva, o deseño dos plans de igualdade, a prevención do acoso e as medidas de protección social no traballo.
Con esta actividade, o Goberno galego segue a ofrecer formación especializada en perspectiva de xénero que proporcione ás persoas destinatarias as ferramentas necesarias para poder implantar plans e medidas de igualdade tanto na empresa privada como no ámbito público.

 
Tema: