Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, firmou hoxe os documentos de colaboración con Femuro, Fademur, Femupo e Afammer Lugo, unha actuación á que se destinan 400.000 euros

Destacou que “tras moita insistencia” o Estado finalmente comprometeuse a recoñecer a experiencia profesional neste eido, o que permitirá xerar emprego nun sector con forte demanda

Coa experiencia profesional recoñecida, estas mulleres poderán acceder aos postos de traballo dos servizos de coidado profesional que se habiliten a través do Plan Corresponsables

Rivo animou ás mulleres rurais a traballar como autónomas ou a crear cooperativas no sector dos coidados de menores para facer fronte ao reto demográfico e que a conciliación non sexa un problema á hora de atopar un emprego 

  • Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos
  • Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos
  • Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos
  • Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos
  • Xunta e Federacións de Mulleres Rurais de Galicia asinan os convenios para facilitar a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores de 16 anos

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou hoxe coas presidentas da Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), María Isabel Garrido; da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Verónica Marcos; da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo), Raquel Touriño, e da Federación de Mulleres do Rural da Provincia de Lugo  (Afammer Lugo), Raquel Fernández, os convenios de colaboración que facilitarán a acreditación da experiencia laboral no coidado de menores. 

Os acordos de colaboración, aos que a Xunta destina 400.000 euros (100.000 euros por entidade) permitirán impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral dunhas 2.000 mulleres do rural no coidado de menores de ata 16 anos. Neste senso, Rivo precisamente salientou que “tras moita insistencia” o Estado comprometeuse a recoñecer a experiencia laboral das mulleres rurais no coidado de menores de 16 anos, o que contribuirá a xerar emprego nun sector con forte demanda.

En palabras de Rivo, este acordo é exemplo da aposta do Goberno galego por seguir a fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e por crear emprego de calidade. 

O obxectivo dos convenios é levar a cabo, entre outras, accións de formación e apoio encamiñadas a un futuro recoñecemento da experiencia laboral no eido dos coidados de menores, contribuíndo a xerar emprego nun sector con forte demanda. 

Así, búscase impulsar a realización de diferentes actuacións de avaliación, formación, difusión e elaboración de censo de persoas con experiencia no coidado de nenas e nenos -especialmente de mulleres de máis de 45 anos- para o recoñecemento da experiencia laboral formal ou non formal no sector dos coidados de menores de ata 16 anos inclusive, que habiliten para o acceso ás bolsas de coidado profesional no domicilio no marco das actuacións do Plan Corresponsables.

De feito, Rivo animou ás mulleres rurais que obteñan este recoñecemento da experiencia laboral a crear cooperativas ou a traballar como autónomas no sector dos coidados de menores “para colaborar neste reto demográfico e que a conciliación no sexa un problema á hora de traballar”, apuntou. 

A través destes convenios, Fademur, Femuro, Femupo e Afammer Lugo comprometeranse a desenvolver as actuacións que permitan ás mulleres rurais o acceso ás bolsas de coidado profesional e a manter actualizado un censo das mulleres susceptibles de obter esta acreditación, que o ano pasado acadou as 2.000. Delas, en 2023 recibiron formación un total de 1.600 mulleres, arredor de temas como as competencias claves, os primeiros auxilios ou as competencias dixitais.

A sinatura destes convenios de colaboración forma parte das medidas que está a desenvolver a Xunta de Galicia para a promoción da igualdade, especialmente as conducentes a facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal e a corresponsabilidade. 

Plan Corresponsables

A iniciativa enmárcase no Plan Corresponsables co que a Xunta ofrece actividades durante todo o ano e especialmente en períodos non lectivos para menores de ata 16 anos en diferentes eidos: desde actuacións lúdicas, campamentos en diversas disciplinas deportivas ata obradoiros adaptados a distintos grupos de idade.

En colaboración con diversas entidades e concellos, entre eles as mulleres rurais, habilítanse servizos de coidado profesional para que os rapaces e rapazas poidan aprender e divertirse ao tempo que permite aos pais e nais a conciliación da vida, persoal, laboral e familiar. Tense en conta tamén ás familias de especial consideración. 

O Plan Corresponables contribúe a fomentar a corresponsabilidade e tamén xera emprego coa contratación de persoas coidadoras e monitores para cada unha das actividades que se desenvolven. Ofrece tamén formación para acreditar as competencias de coidados.

Rivo, para rematar, indicou que o Goberno galego traballa por unha Galicia máis igualitaria e sinalou que co Plan Corresponsables contribúese a acadar este reto.