A Xunta e a Federación Galega de Loita forman a mulleres en Ponteareas sobre defensa persoal para facer fronte a situacións de violencia de xénero

Multimedia

A Xunta e a Federación Galega de Loita forman a mulleres en Ponteareas sobre defensa persoal para facer fronte a situacións de violencia de xénero

Ponteareas (Pontevedra), 23 de novembro de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu hoxe a un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas celebrado en Ponteareas, no marco do convenio subscrito pola Xunta coa Federación galega de loita (Fegaloita). Así, profesionais da entidade cualificados e con experiencia en técnicas de intervención en violencia de xénero encárganse de formar ás mulleres para a súa autoprotección.

A dous días do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, as participantes tamén reciben material informativo no marco da loita contra esta lacra. Cómpre engadir que os 225 concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero teñen a opción de participar nestas actividades que se están a impartir en toda Galicia, así como noutras, como poden ser obras de teatro ou programas de terapia e asistencia psicolóxica a vítimas.