A Xunta destina máis de 6,5 millóns de euros a axudas económicas para que as vítimas da violencia de xénero gañen autonomía dos seus agresores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria 2022 das prestacións periódicas, de pago único e de indemnización, para apoiar ás vítimas economicamente

As axudas periódicas garanten o pagamento mensual de ata 800 euros ás vítimas desta lacra, sendo Galicia pioneira neste apoio, que mantén o seu prazo sempre aberto

Os pagamentos únicos poden chegar aos 10.846 euros segundo os ingresos, cargas familiares e condicións de discapacidade

A Xunta dispón un máximo de 6.000 euros para garantir as indemnizacións ás mulleres e persoas que dependen delas nos casos nos que os agresores non cumpran coa compensación económica que lles corresponda por fallo xudicial

Multimedia

A Xunta destina máis de 6,5 millóns de euros a axudas económicas para que as vítimas da violencia de xénero gañen autonomía dos seus agresores
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021.-
 
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe unha nova convocatoria das axudas periódicas de entre 200 e 800 euros mensuais coas que a Xunta de Galicia apoia ás vítimas da violencia de xénero co obxecto de que gañen independencia económica dos seus agresores e consigan saír da situación de perigo. Tamén hoxe o DOG anuncia as axudas de pago único para apoiar ás vítimas con especiais dificultades para a busca de emprego e, por outra banda, a liña destinada a garantir que as mulleres que sofren violencia de xénero e/ou os menores ou persoas dependentes delas, perciban as indemnizacións que lles corresponden polos danos ou perdas ocasionadas pola situación de violencia e artelladas mediante sentenza xudicial. En total a Xunta destina a todas estas axudas máis de 6,5 millóns de euros.
 
O Goberno galego destinará, por unha banda, máis de 5 millóns de euros para facer fronte en 2022 aos pagos periódicos ás vítimas da violencia de xénero. Galicia é a única Comunidade que ofrece estes apoios individuais mensuais a estas mulleres.
 
A solicitude desta axuda pode realizarse de xeito ininterrompido durante todo o ano e o orzamento previsto resulta ampliable en función das necesidades detectadas.
 
A liña ten como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano, ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria. Concrétase nun pago mensual destinado directamente á beneficiaria, de carácter periódico e individual e por un período máximo de 12 mensualidades. A cantidade vai dos 200 euros aos 800 euros mensuais, en función dos ingresos da muller, dos fillos ou fillas menores que teña ao seu cargo e doutras circunstancias como as relacionadas con condicións de discapacidade.
 
Desde o ano 2009 máis de 5.300 mulleres recibiron estas axudas, que resultan fundamentais para que avancen no camiño da súa recuperación.
 

Axudas de pago único e de indemnización

A Xunta convocou hoxe tamén as axudas económicas de pago único previstas na lexislación estatal para axudar as vítimas que pola súa idade ou outras circunstancias, presenten especiais dificultades para obter un emprego que garanta a súa integración social. Na mesma resolución, recóllense as bases que regulan a concesión de indemnizacións por parte da Xunta cando correspondan por sentenza ás mulleres en situación de violencia e exista constatación xudicial de que non están a percibilas.

O Goberno autonómico destina en 2022, 1,5 millóns de euros ao aboamento das axudas de pago único. Neste caso o importe a aboar nun so pagamento sitúase nos 2.711,52€ con carácter xeral -o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente-, aínda que se poden acadar contías maiores que igualen os 12, 18 ou 24 meses de subsidio, ata un máximo de 10.846€ en función das circunstancias familiares e de discapacidade das persoas descendentes ou ascendentes ao seu cargo. Desde 2009, máis de 1.300 mulleres resultaron beneficiarias das axudas de pago único.

En canto ás indemnizacións, a Xunta reserva 55.000 euros para garantir que as vítimas que a teñen recoñecida por sentenza dos tribunais galegos reciban o seu aboamento en concepto de danos e perdas causados, cando exista incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas. Neste caso poden ser beneficiarias mulleres que sofren situacións de violencia de xénero, e/ou os menores ou persoas que dependan delas. A contía a percibir será a establecida no fallo xudicial ata un máximo de 6.000€. Nos últimos doce anos máis de cen persoas accederon a esta liña de apoio.