A Xunta destina este ano preto de 17 M€ a apoiar a conciliación e a fomentar a corresponsabilidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe un dos obradoiros de verán realizados no marco do programa de conciliación de Sanxenxo

Destacou que se trata tan só dunha das liñas de axuda que se poñen á disposición das familias galegas, neste caso coa participación de máis de 70 nenas e nenos

A conselleira puxo de relevo que avanzar na conciliación “é o mellor camiño tamén cara á igualdade”

  • A Xunta destina este ano preto de 17 M€ a apoiar a conciliación e a fomentar a corresponsabilidade
  • A Xunta destina este ano preto de 17 M€ a apoiar a conciliación e a fomentar a corresponsabilidade
  • A Xunta destina este ano preto de 17 M€ a apoiar a conciliación e a fomentar a corresponsabilidade
  • A Xunta destina este ano preto de 17 M€ a apoiar a conciliación e a fomentar a corresponsabilidade

Sanxenxo (Pontevedra), 16 de agosto de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, puxo hoxe de relevo que a Xunta destina preto de 17 millóns de euros este ano “a plans de corresponsabilidade, facilitando ás familias que poidan seguir coa súa vida e co seu lecer, coa axuda das Administracións”. Nesa liña, engadiu que avanzar na conciliación “é o mellor camiño tamén cara á igualdade”. Así o dixo durante a súa visita a un dos obradoiros de verán realizados no marco do programa de conciliación de Sanxenxo, que desenvolve accións ao longo de todo o ano e que recibe un apoio do Goberno galego de máis de 42.000 euros.

Na visita, a conselleira sinalou que o Concello organiza seis obradoiros de verán ao longo doutras tantas semanas estivais, nos que participan máis de 70 nenas e nenos. Canto ao obradoiro visitado hoxe, no auditorio Emilia Pardo Bazán, son máis de 30 pequenos de entre 4 e 12 anos, que fan múltiples actividades como talleres de cociña, xogos ou manualidades.

Este programa favorece a conciliación para facilitar que calquera persoa traballadora poida facer un uso equilibrado dos seus tempos e así velar polo coidado da súa familia, o seu desenvolvemento como persoa, a súa formación ou o seu tempo libre. Elena Rivo apuntou que desde a Xunta “tratamos de favorecer sempre a corresponsabilidade, axudando a conciliar, para o traballo e para o lecer”. Nese senso, asegurou que equilibrar os tempos non sempre é doado e que os pais necesitan o apoio das Administracións.